3 novas curtas de animación buscan axudar á aprendizaxe do galego

luns, 12 de setembro do 2011 Redacción

As curtas veñen acompañadas por propostas didácticas dirixidas aos docentes

Os sete cabritos, A porta que trota e Fiz, o coleccionista de medos son os títulos de tres fermosas curtas de animación infantil que xa están dispoñibles na Rede. Estes contos audiovisuais, dirixidos a entreter e a favorecer a aprendizaxe en galego dos máis pequenos, están accesibles a través da páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que vén de poñelos a disposición da cidadanía xunto con cadansúa proposta didáctica para traballar, na aula ou en familia, a competencia lingüística dos nenos e nenas.
As propostas didácticas que acompañan os audiovisuais foron elaboradas como material de apoio aos docentes por profesionais con ampla e recoñecida traxectoria na educación infantil. Nelas, desenvólvese o currículo desta etapa educativa co obxectivo fundamental de favorecer a competencia en comunicación lingüística do alumnado. Con este fin, os nenos e nenas, ademais de veren a proxección e escoitaren un modelo de fala de calidade na narración, poden expresarse, manifestar preferencias e sentimentos, dialogar cos compañeiros, narrar etc.
Os materiais, editados pola secretaría xeral en DVD e desenvolvidos por OQO editora, foron enviados recentemente aos centros de ensino de Galicia que imparten educación infantil e ás aulas hospitalarias da comunidade.


Os Sete Catritos (descargar proposta didáctica en PDF)


A Pota que Trota (descargar proposta didáctica en PDF)


Fiz, o coleccionista de medos (descargar proposta didáctica en PDF)

PUBLICIDADE