Código Cero, Premio da Galeguidade 2007

luns, 12 de marzo do 2007 Fernando Sarasketa

Código Cero recibiu esta pasada fin de semana o trofeo Galeguidade 2007 a Medio de Comunicación Social, nun acto desenvolvido en Madrid e organizado pola Enxebre Orde da Vieira. Cómpre lembrar que estes galardóns outórganse cada ano a unha persoa física, a unha persoa xurídica e a un medio de comunicación social e que o xurado nesta edición 2007 (a edición nº 40) estivo integrado por xornalistas galegos en Madrid, presidentes dos centros galegos do exterior e membros da devandita orde. Ó seu xuízo, este medio informativo foi merecedor do galardón por ter sido pioneiro en afondar nas vantaxes da novas tecnoloxías da información “de xeito ameno e en galego” e pola súa traxectoria informativa e formativa en radio, Internet e produción editorial. Asemade, valorouse a relativamente longa “vida” de Código Cero, con máis de medio cento de números editados en papel e máis “a eficaz incidencia das súas actividades na mocidade galega, familiarizándoa coa Sociedade da Información”.
O trofeo, que foi recollido polo director de Código Cero, o xornalista Xosé María Fernández Pazos, é unha escultura en bronce realizada polo hoxe desaparecido artista galego Eduardo R. Osorio.
No acto de entrega participaron máis de 300 persoas procedentes de centros galegos de todo o mundo, da colectividade galega en Madrid (principalmente do sector empresarial e da sociedade civil), amais de representantes da Xunta e o Concello de Madrid.
No mesmo acto investíronse cabaleiros e damas da orde a unhas persoas que destacaron polo seu traballo a prol de Galicia, entre os que cómpre salientar o fiscal xeral do Estado Cándido Conde Pumpido, o mestre da USC Carlos Xixirei, o presidente-conselleiro delegado de Blusens, José Ramón García González, o concelleiro de Madrid Pedro Luis Calvo Poche, o empresario Ramiro Carregal (xerente de Frinsa), e o director de Eurolaton con sede en Caldas de Reis, entre outros

PUBLICIDADE