35 anos do Macintosh

xoves, 24 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

Tim Cook lembrou hoxe na súa conta de Twitter que hai 35 anos foi cando os ordenadores Macintosh dixeron ola ao mundo, ou sexa, que o 24 de xaneiro de 1984 foi cando Steve Jobs presentou ao mundo o seu Macintosh, un ordenador que custaba 2.495 dólares (o que hoxe serían uns 5.300 euros) sen a unidade externa de discos flexibles opcional, o que supuxo un importante salto dende o anterior LISA (que custaba 9.995 dólares).
Falamos dunha máquina que funcionaba cun procesador Motorola 6800 a 8 MHz e 128 KB de RAM, que integraba unha pantalla en branco e negro de 9 polgadas cunha resolución de só 512 x 342 píxeles baixo a que había unha unidade de discos de 3,5 polgadas cunha capacidade de 400 KB. Este equipo vendíase coas aplicacións MacWrite e MacPaint, polo que para moitos usuarios xa era un ordenador apto para traballar. Pouco despois contaría con aplicacións como MultiPlan, Microsoft Word ou Lotus Jazz, aínda que a súa oferta de software sempre foi moi inferior á dos PC. Por fortuna para a marca, en 1985 recibiu aplicacións como MacPublisher ou Aldus PageMaker, ás que logo sumaríanse FreeHand, QuakXPress, Photoshop e Illustrator, consolidando a plataforma para o mundo do deseño e a edición, facilitando que tivese un mercado profesional que contribuíu seriamente a consolidar a marca.
Este equipo chegara precedido por un histórico anuncio titulado 1984 que fora dirixido por Ridley Scott e que pretendía presentar o Macintosh como a salvación para a humanidade do conformismo do Gran Irmán da novela de George Orwell.

Vídeo da presentación do Macintosh

PUBLICIDADE