8BitDo prepara mandos multimedia para consolas Xbox

luns, 2 de agosto do 2021 Marcus Fernández

As consolas de Microsoft teñen certa vocación multimedia, de aí que entre os seus accesorios exista un mando multimedia oficial lanzado para Xbox One e compatible coas novas consolas, pero dende 8BitDo consideraron atinado deseñar mandos alternativos, menos minimalistas e cunha estética acorde á das novas máquinas.
Así temos os novos 8BitDo Media Remote, mandos deseñados para Xbox One e Xbox Series X|S, que chegan en dous modelos diferentes: un modelo curto (134,25 milímetros de longo) en cor branca que casaría co deseño da Xbox Series S e un modelo longo (197,5 milímetros de longo) nunha cor negra que encaixaría mellor coa Xbox Series X.
A grande diferenza, aparte da cor, entre ambos mandos sería que o modelo de maior tamaño incluiría teclas numéricas, prescindible no caso dun mando multimedia de consola e, de feito, o mando oficial de Microsoft incluso conta con menos botóns que o mando curto de 8BitDo.
Os mandos de 8BitDo teñen teclas retroiluminadas que se acenden ao detectar movemento no mando (ou sexa, cando collemos o mando na man) e tamén contan cun botón de Xbox que permite acender directamente a consola. O resto de botóns suplirían ao mando da ordinario da consola e engadiría os botóns propios para a reprodución multimedia e o control de volume.

PUBLICIDADE