A Amazfit Band 5 chega a Europa integrando Alexa
xoves, 8 de outubro do 2020
Hai uns meses Xiaomi
presentou a Mi Smart Band 5, unha pulseira de actividade con pantalla de
1,1 polgadas que actualmente véndese
en España por 39,99 euros na súa versión sen NFC, e para a que vén de
chegar a Europa unha competidora moi directa, xa que é do mesmo fabricante
(Huami) baixo unha marca de seu, a Amazfit
Band 5.
Esta nova pulseira de actividade, cun prezo oficial de 59,99 euros, pero que
actualmente teñen de oferta na súa páxina web oficial a 44,90 euros,
externamente é cuspidiña á Mi Smart Band 5, pero diferénciase principalmente
por incluír un par de prestacións adicionais bastante interesantes, como pode
ser a monitorización da saturación de osíxeno en sangue (valor que están a
incorporar boa parte das pulseiras deportivas nos últimos meses, en boa medida
por mor do coronavirus, xa que unha caída deste valor pode ser un síntoma que
alerte de padecer a COVID-19) e a incorporación do asistente Alexa de Amazon
para realizar preguntas, consultar traducións, configurar alarmas, comprobar o
estado do tempo ou incluso controlar os dispositivos conectados no fogar.
Polo demais estamos ante unha pulseira de actividade con prestacións moi
coñecidas, como un bo sistema de notificacións do teléfono, control da
reprodución musical, 11 modos deportivos, monitorización cardíaca,
monitorización do sono, seguimento do ciclo menstrual, disparo remoto da cámara
do móbil, resistencia á auga e unha autonomía duns 15 días para un uso normal.
- A Amazfit Band 5 é básicamente unha Mi Smart Band 5 mellorada, pero só dispoñible con correa en cor negra