A Apple Store incorpora accesorios para o novo MacBook
martes, 10 de marzo do 2015
A presentación do novo MacBook supón
a meirande aposta en favor dos portos USB-C até o momento, de xeito que, en vez
de incluír este porto nun equipo substituíndo un porto USB ordinario, optouse
por convertelo no porto comodín, que fai todas as funcións á vez, de xeito que
substitúe a portos USB, saída de vídeo e toma de corrente, valéndose do
potencial desta tecnoloxía e conseguindo así revolucionar o xeito de entender
os ordenadores portátiles ao levar a súa conectividade por cable á mínima
expresión.
Pero, é xa posible traballar cun equipo con esta configuración? Se buscamos na tenda
en liña de Apple vemos que xa ten en catálogo (aínda que loxicamente sen stock) os adaptadores para poder tirar
proveito do novo porto USB-C do MacBook, que serían un adaptador
de corrente de 29 watts á venda por 55 euros, un adaptador
de USB-C a VGA por 89 euros, un adaptador
de USB-C a HDMI por 89 euros, un adaptador
de USB-C a USB por 19 euros e un cable
de carga USB-C de 2 metros por 35 euros.
Destes accesorios os máis interesantes serían os adaptadores de vídeo, que
deixan ver a intención da adopción dun único porto no MacBook, xa que estes
adaptadores inclúen, aparte do conector VGA ou HDMI, un conector USB-C para
poder encadear dispositivos con esta tecnoloxía e un porto USB para poder
conectar dispositivos actuais. Unha boa solución que pode resultar moi práctica
para o escritorio, aínda que polo momento complica o uso en mobilidade deste tipo
de equipos que precisará de adaptadores para labores tan sinxelas como acceder
a unha memoria USB.
- A Apple Store xa lista distintos adaptadores para o porto USB-C do novo MacBook