A Asociación de Dano Cerebral da Coruña visitou o CITIC
mércores, 29 de novembro do 2023
O
pasado mércores 22 de novembro, a Asociación de Dano Cerebral da
Coruña (ADACECO)
visitou o Demostrador Tecnolóxico e o Laboratorio de Realidade
Virtual e Localización do Centro de Investigación TIC da UDC, o
CITIC. Durante a xornada, varios usuarios, profesionais
sanitarios e alumnas de Terapia Ocupacional probaron os novos
desenvolvementos de Realidade Virtual (RV) creados por investigadores
do centro. Segundo explicaron estes, as aplicacións presentadas
están baseadas en actividades da vida diaria e a súa finalidade é
a práctica de habilidades físicas e cognitivas que contribúan a
mellorar a independencia das persoas no seu día a día.
No
Demostrador Tecnolóxico os asistentes utilizaron a primeira
aplicación de RV cuxo obxectivo é o traballo e a monitoraxe da
forza das mans, a través de actividades cotiás como, por exemplo, o
lavado da louza. Para iso, empregouse o último dispositivo de RV
presentado por Meta, as gafas Meta Quest 3, e un sistema de medición
de forza desenvolto por investigadores do CITIC que conéctase por
Bluetooth ao equipo de RV.
A
continuación, no Laboratorio de Realidade Virtual e Localización
probouse un supermercado virtual combinado co sistema de movemento
cativo Virtuix Omni Prol, que permite un desprazamento total do
usuario.
Neste contexto os visitantes puideron practicar diferentes
accións habituais nestes establecementos como, por exemplo, facer a
compra de produtos dunha lista ou seleccionar os ingredientes
adecuados para preparar unha receita de cociña.
Durante
o encontro recolléronse as opinións e suxestións dos asistentes.
“Estas”, sinala o CITIC, “permitirán corrixir e mellorar ambas
as aplicacións co fin de lograr a maior usabilidade e
aplicabilidade”.
