A CRTVG e a UVigo crean un espazo informativo libre de barreiras de comprensión
mércores, 16 de febreiro do 2022
Os contidos que ofrecen os medios de comunicación, en ocasións, non
son accesíbeis para persoas que teñen algunha dificultade de
comprensión. Para evitar esta eiva, a CRTVG en colaboración coa
UVigo puxeron en marcha o proxecto
Sinxelo, un espazo informativo que permitirá que os
servizos informativos da TVG, emitan vídeos accesíbeis na súa web
e redes sociais en formato “lectura sinxela” para persoas con
discapacidade ou necesidades especiais.
Entre o equipo da iniciativa atópase
Lourdes Lorenzo, directora do Departamento de Tradución e
Lingüística da UVigo e Sonsoles Facal, impulsora de traducións de
libros infantís a “lectura sinxela”. Ambas traballarán
xunto con Carlos F. Amado, xornalista da TVG, e presentarán esta
iniciativa pioneira e única en España este mércores no programa A
Revista da Televisión de Galicia.
Segundo explicaron, o concepto de “lectura sinxela” baséase
nunha “adaptación de texto a todos os niveis: léxico, estrutural,
estilístico... “O adaptador debe fuxir das oracións longas e
subordinadas, cara as estruturas máis sinxelas, evitando tamén
metáforas, retranca, dobres sentidos, etc”, comenta a experta en
tradución audiovisual, Lourdes Lorenzo.
Pioneiros en España en aplicar lectura sinxela
A CRTVG, coa posta en marcha de Sinxelo, convértese no primeiro
medio audiovisual de España que aplica este formato na comunicación
dos seus contidos. O Departamento de Tradución e Lingüística da
Universidade de Vigo encargarase de verificar e validar a adaptación
dos contidos para que se cumpran os estándares da “lectura
sinxela”. Os vídeos difundiranse tanto pola
web G24.gal, como por Youtube, Instagram, TikTok e Facebook.
Ampla traxectoria de investigación no eido da accesibilidade
Nun inicio, os vídeos serán principalmente de información estatal,
autonómica e local, pero “o ideal sería adaptar tamén reportaxes
e produtos de ocio para chegar a todos”, segundo indica Lorenzo. As
adaptacións non só son importantes para persoas con discapacidades
cognitivas, senón que tamén serán substanciais para persoas
maiores ou estranxeiros con outra lingua. Trátase, en definitiva, de
mellorar o acceso a “textos necesarios para a vida”, como pode
ser un contrato de traballo, convocatorias de axudas, información
bancaria ou sanitaria...
Lourdes Lorenzo leva 20 anos traballando, xunto coa profesora Ana
Pereira, no eido do lexendado para persoas xordas, autodescrición
para persoas cegas e recentemente na ‘lectura sinxela’, liña que
traballa con Sonsoles Facal.