A Cámara da Coruña achegará capacitación dixital e empregabilidade a máis de 150 maiores de 45 anos

xoves, 10 de marzo do 2022 S. P.

A Cámara de Comercio da Coruña axudará en materia de empregabilidade e competencias dixitais a máis de 150 persoas con idades comprendidas entre os 45 e os 60 anos. Farao a través do programa Emprego 45+, para o que conta cun orzamento anual de 150.000 euros. O obxectivo principal do programa é colaborar na reinserción laboral deste colectivo e, en esencia, ofrecerlles un servizo de acompañamento activo que lles axude a definir o seu perfil profesional e a identificar novas oportunidades laborais dirixíndose a empresas nicho en función do seu perfil.
Tras coñecer de primeira man o perfil dos participantes, especialmente no relativo ao seu nivel de competencias dixitais e doutro tipo, os profesionais da Cámara deseñan o itinerario a seguir e as accións máis axeitadas para cada perfil. A mellora das competencias profesionais mediante accións formativas adaptadas ás necesidades de cada participante é o paso seguinte no percorrido do programa. Así, a Cámara orientará aos participantes antes e despois da formación recibida, realizando ao cabo do proceso un diagnóstico de reconversión e unha orientación encamiñada ao perfeccionamento dos currículos e á creación de perfís en portais de emprego. Tamén se lles mostrará polo miúdo como pór en valor a súa experiencia e as súas capacidades nunha posible entrevista laboral.
Os contidos dos 20 cursos que a Cámara impartirá no transcurso do primeiro semestre (en modo presencial e online) abranguen desde mercadotecnia nas redes socias, comercio electrónico, ofimática, dixitalización, Excel, contabilidade, xestión de proxectos sociais, inglés e francés.
Os contidos da formación do segundo semestre programaranse en datas vindeiras.
O itinerario culminará coa creación dunha bolsa de candidatos á que terán acceso as empresas interesadas. Para levar a cabo este labor de intermediación, técnicos da Cámara están a contactar con responsables de recursos humanos de compañías de diferentes sectores.