A Cámara de Santiago e Javi Rocamora mostran nun curso como vender en liña en sinxelos pasos

mércores, 31 de xaneiro do 2024 S. P.

A Cámara de Comercio de Santiago organiza este mes de febreiro unha nova actividade formativa destinada a impulsar a transformación dixital de pemes e persoas autónomas. Trátase do curso Como comezar a vender online utilizando ferramentas sinxelas. Aproveita o Kit Dixital. Celebrarase o día 7 de febreiro en horario de mañá, de 10.00 a 11.30 horas, en formato de seminario en liña. A xornada será impartida polo experto en comunicación innovadora Javier Rocamora.
Os contidos inclúen nocións sobre as principais plataformas de venda en liña, os modelos de venda online (marketplace, plataforma na nube, plataforma en aloxamento), as vantaxes e inconvenientes de cada unha das plataformas dispoñíbeis, as cuestións previas ao comezo da venda en liña, o orzamento que precisamos, a definición do target ou cliente obxectivo, os aspectos clave do noso comercio electrónico, como presentar unha páxina de inicio, a presentación de produtos ou as claves dun proceso de venda e envío. A xeira rematará cunha quenda de preguntas.
O relator será como dixemos Javier Rocamora García, consultor autónomo especializado e con dilatada experiencia en mercadotecnia dixital, xestión de redes sociais e comercio electrónico desde 2008, operando baixo a marca comercial Las 3 en Punto.
Esta xornada está organizada porla Oficina Acelera Peme para o Kit Dixital da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela.
O Kit Dixital é un programa do Goberno de España, xestionado por Red.es, entidade adscrita ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia artificial. O Programa Kit Dixital está dotado cun orzamento de 3.067 millóns de euros, financiado polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia con fondos europeos Next Generation EU. O seu obxectivo é dixitalizar a pequenas empresas, microempresas e persoas autónomas de todos os sectores en todo o territorio nacional.

PUBLICIDADE