A Canon EOS M100 contará cun sensor de 24,2 Mpíxeles
martes, 29 de agosto do 2017
As cámaras sen espello de Canon renóvanse, e así temos que a
Canon EOS M10 xa ten sucesora, a Canon EOS M100, unha cámara
pequena, elegante e conectada ideal para quen quere poder levar unha cámara de
calidade enriba para captar imaxes espectaculares e poder compartilas
rapidamente coas súas redes sociais.
A Canon EOS M100 só mide 108,2 x 67,1 x 35,1 milímetros, pesa uns 302 gramos
(con batería e tarxeta de memoria incluídas), conta cun sensor CMOS de 24,2
Mpíxeles, integra unha pantalla táctil LCD de 3,2 polgadas e 1.620.000 píxeles,
pode gravar vídeo Full HD a 60 cadros por segundo e está dotado con
conectividade Wi-Fi/NFC e Bluetooth.
Esta nova cámara, como o resto da súa familia, buscan achegar unha experiencia
de uso semellante á dun smartphone, de xeito que é doada de controlar coa súa
pantalla táctil e tamén integra numerosos filtros creativos (así como os
típicos efectos de suavizado de pel para favorecer a realización de selfies). Ao ter conectividade sen fíos
pode empregarse coa aplicación Camera Connect, que permite transferir as imaxes
captadas a un smartphone para así poder compartilas en liña e tamén o disparo
remoto con visión directa remota.
A Canon EOS M100 xa está dispoñible para a súa reserva cun obxectivo EF-M
15-45mm IS STM e unha funda de base a un prezo de 629,99 euros.