A Deputación da Coruña e os CIM lanzan campaña nas redes para loitar contra a explotación sexual

xoves, 29 de outubro do 2020 S. P.

María Muíño, deputada de Igualdade da Deputación da Coruña

A Deputación da Coruña vén de lanzar unha campaña nas redes sociais para concienciar á sociedade na necesidade de xuntar forzas contra a prostitución e outras formas de explotación sexual das mulleres. Trátase da campaña Eu non (me) instalo (n)a trata, impulsada pola Área de Igualdade coa colaboración dunha ducia de Centros de Información á Muller da provincia e con 7H Cooperativa Cultural en labores de coordinación. O programa de sensibilización e creación artística, especialmente dirixido á xente nova (para lembrarlle a necesidade de non colaborar co mantemento no tempo da prostitución e a pornografía) tamén conta co apoio de Médicos do Mundo. Achégase nas redes baixo o cancelo #nonputees.
A peza que se difunde xa nas redes sociais, baseada nunha animación que simula a reacción dun usuario dunha aplicación de servizos de prostitución ao descubrir a violación de dereitos humanos oculta tralo seu consumo, é resultado da implicación de traballadoras dunha ducia de Centros de Información á Muller (os CIM da Coruña, Ames, Arteixo, Boiro, Carballo, Culleredo, Ferrol, Laracha, Muros, Negreira, Noia, Santa Comba, Teo e Zas) no proxecto Descorre o veo da explotación invisibilizada.
A campaña procura poñer o foco no rol do cliente no negocio da trata para sensibilizar e educar, fundamentalmente a mozos de entre 15 e 25 anos, “unha franxa de idade na que a concepción da sexualidade está fortemente influenciada polo consumo de pornografía e na que comeza a naturalizarse a compra de servizos sexuais coma unha práctica común, entendida en moitos casos coma unha demostración de virilidade”, explican as impulsoras da iniciativa.

PUBLICIDADE