A Deputación de Lugo acode a FITUR poñendo o foco na gastronomía, a riqueza natural e as tecnoloxías
xoves, 23 de xaneiro do 2020
A
Deputación de Lugo atópase a pleno rendemento na feira madrileña
FITUR, referente do turismo estatal e internacional. Ao
salón acudiron o presidente da institución, José Tomé, e a
deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto,
que participaron este mércores na presentación da nova entrega (a
número 13) da guía turístico gastronómica E para comer Lugo,
elaborada pola Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería
de Lugo (APEHL). No acto, Tomé lembrou que é fundamental “o
traballo en común” entre administracións e sector “para
aproveitar todo o potencial turístico da nosa provincia e crear así
riqueza e emprego”. E engadiu: “Só cunha mesma directriz,
actuando con unidade de acción, poderemos potenciar unha industria
tan competitiva”. Amais da guía e outros servizos e recursos, a
Deputación de Lugo está a mostrar en FITUR os detalles das súas
tecnoloxías turísticas.
A
presenza activa no acto de presentación de E para Comer Lugo
formou parte da completa axenda que mantiveron este mércores 22 de
xaneiro en FITUR o presidente e a deputada de Turismo, que incluíu a
asistencia a outras citas, como a presentación da Rede Galega de
Reservas da Biosfera, da que forma parte a Deputación como xestora
das reservas de Terras do Miño e Ancares; e a da candidatura da
Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, na que o organismo
provincial xoga un papel fundamental dende que no 2011 impulsou unha
campaña institucional e social en favor do recoñecemento deste
enclave como Ben Mundial pola UNESCO.
Así
mesmo, José Tomé e Pilar García Porto asistiron á presentación
Camiño ao Xacobeo 2021, no marco da súa aposta por que a provincia
teña un papel central de cara ao vindeiro Ano Santo e poida
aproveitar todo o potencial que representa o turismo vinculado ás
rutas xacobeas, con máis de 800 quilómetros ao longo de todo o
territorio lucense.
Tamén
estiveron tamén presentes na presentación da campaña de promoción
turística en FITUR da Deputación da Coruña e na da Semana Verde,
ademais de manter ao longo desta primeira xornada na Feira
Internacional de Turismo diversos contactos con representantes de
empresas e medios de comunicación vinculados coa actividade
turística.
Aplicacións
Como
dixemos, a institución provincial centra este ano a súa presencia
en FITUR no impulso do turismo a través das novas tecnoloxías. Este
xoves, ás 11.30 horas, no stand de Galicia, o presidente
presentará dúas novas aplicacións gratuítas para dispositivos
móbiles, que buscan atraer máis visitantes e mellorar a súa
experiencia de viaxe na provincia.
A
posta en longo das apps
estará moderada
polo recoñecido meteorólogo lucense Martín Barreiro, embaixador da
provincia para o desenvolvemento de accións de promoción e
consolidación da marca turística Lugo
Cambia. Tamén participarán as alcaldesas de Lugo, Lara
Méndez, e Viveiro, María Loureiro, e a primeira tenente de alcalde
de Monforte de Lemos, Gloria Prada.
A
deputada de Turismo avanzounos que o obxectivo da campaña Lugo,
¡ven!, integrada na marca Lugo Cambia, é mellorar a
experiencia do visitante: “Queremos que quen recale na provincia de
Lugo garde un recordo agradábel da súa estadía, que a viva
intensamente e planifique a súa viaxe do mellor xeito posíbel”.
Co
obxectivo de lograr o devandito, a Deputación presentará a
aplicación móbil de balde Inventrip, que inclúe información
sobre uns 2.500 puntos de interese, incluídos elementos do
patrimonio cultural e natural, rutas, artesáns, bodegas, empresas de
turismo activo, restaurantes e establecementos turísticos. “Un
conxunto de información que permite ao visitante trazar unha ruta
para chegar aos lugares que máis lle interesan ou poder descubrir os
recursos que están máis preto da súa posición”, explicou a
entidade provincial.
A
outra ferramenta tecnolóxica que a Deputación presentará en FITUR
é Lugo 360, unha aplicación tamén de balde, que a través
das técnicas máis avanzadas de Realidade Aumentada permitirá facer
unha viaxe a 25 localizacións da provincia a través de calquera
dispositivo móbil. Esta ferramenta achega aos usuarios unha
contorna virtual que lles permite visitar de xeito envolvente e
innovador calquera dos catro xeodestinos da provincia de Lugo
(Ancares-Courel, A Mariña, Lugo-Terra Chá e Ribeira Sacra), co “fin
de motivalos a que fagan unha visita real”.