A Deputación de Lugo adxudica por 2,5 millóns un novo sistema informático que modernizará a xestión tributaria
venres, 12 de xuño do 2026
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo deu este venres 12 de xuño luz verde á adxudicación, por 2,5 millóns de euros dun novo sistema informático para a xestión tributaria da institución provincial. Unha ferramenta que, en palabras da voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, “suporá un importante avance na modernización dos servizos que prestamos aos concellos e á cidadanía”.
García Porto engadiu que “falamos de algo que nos permitirá facer unha administración fiscal máis áxil, máis eficiente e máis próxima. Un sistema que dará cobertura aos concellos da provincia na xestión de impostos, taxas e outros ingresos públicos, facilitando os trámites tanto ás administracións locais como aos contribuíntes”.
Resultou adxudicataria Gestión Tributaria Territorial SAU, que prestará este servizo durante os vindeiros catro anos.
A deputada que este sistema permitirá, entre outras vantaxes, reducir tempos de tramitación, impulsar a sede electrónica e ampliar as posibilidades de relación telemática coa Administración, sempre con plenas garantías de seguridade. “Será un sistema que incorporará melloras específicas para facilitar os plans personalizados de pagamento e contará cun módulo de atención telefónica pensado especialmente para aquelas persoas que teñen máis dificultades para utilizar medios dixitais”, apuntou, engadindo que “estamos ante unha actuación que reforza a cooperación da Deputación cos concellos, mellora a calidade dos servizos públicos e facilita a relación entre a cidadanía e a Administración, facendo que os trámites sexan máis sinxelos, máis rápidos e máis accesibles”.
