A Deputación de Ourense pon en marcha un sistema pioneiro de voz contra a exclusión dixital

martes, 26 de decembro do 2023 S. P.

A Deputación de Ourense habilitou un sistema pioneiro en Galicia contra a inclusión dixital coa administración por voz. O sistema, abeirado ao Programa ChegOU, está dispoñíbel para que a cidadanía presente as solicitudes para beneficiarse del. "Estreamos un novo sistema onde a voz de cada persoa será o método de sinatura dos seus trámites administrativos, contribuíndo a lograr que ninguén quede atrás no ámbito tecnolóxico mediante un sistema pioneiro, moderno e útil", explicou o presidente provincial, Luis Menor, engadindo que desde xaneiro de 2024 todos os programas da área de Benestar poderán ser solicitados con este sistema, tal e como anunciou Menor, tras realizar unha simulación en directo do funcionamento desta nova canle.
O director da área de Benestar da Deputación, José Juan Cerdeira, destacou “a innovación social que representa este sistema”. Ata hoxe, dixo, existían catro vías de atención: 100% dixital; presencial para cidadáns con fenda dixital severa; e híbrida (dixital e presencial).
Na presentación desta nova canle administrativa participaron o presidente provincial, Luis Menor; a deputada de Benestar Social, Patricia Torres; e o director da área de Benestar da Deputación, José Juan Cerdeira, que fixeron unha demostración práctica deste novo sistema que utiliza a voz da persoa usuaria como a súa "sinatura biométrica vocal". De feito, o propio Menor Pérez realizou unha simulación en directo para amosar os pasos e mecanismos implantados con este sistema, para o “que só é necesario contar cun teléfono móbil con Whastapp ou correo electrónico, aplicacións que dan entrada á tramitación e que recibe ao final o xustificante de presentación do trámite realizado”.
Con este novo método, explicaron, as persoas que non dispoñen de medios ou de coñecementos tecnolóxicos -ou na meirande parte dos casos, que non teñen certificado dixital-, poderán obter o mesmo dereito que os cidadáns dixitais, cos mesmos prazos e menor carga administrativa.
Pasos a dar
As persoas que queiran solicitar o Programa ChegOU a través da administración por voz, poderán chamar ao 988 317 766 e fixar unha cita. Recibirán un correo electrónico e a través de Whatsapp unha ligazón para ser atendido o día e a hora que solicitasen. O día e hora da cita deberá facer clic na ligazón que reciba para ser atendido a través do móbil ou PC por un empregado público que cubrirá a solicitude en liña. Unha vez terminada poderá visualizala no dispositivo e asinala coa voz, que será a sinatura biométrica vogal que quedará anexa á solicitude, sendo presentada ante o rexistro electrónico a través dun funcionario habilitado. No mesmo día, en correo e por Whatssapp recibirá a solicitude rexistrada.
No prazo máximo de sete días hábiles (no caso de que cumpran os requisitos solicitados para a concesión da axuda) a persoa recibirá no seu domicilio unha tarxeta prepago coa axuda que lle corresponda para ser empregada en gasto sosiosanitario nas farmacias da provincia.

PUBLICIDADE