A Deputación de Pontevedra e a RAG colaborarán para reivindicar o liderado feminino STEAM

luns, 12 de febreiro do 2024 S. P.

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, reuniuse os días pasados co presidente da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), Juan Manuel Lema, e coa súa vicepresidenta, Alicia Estévez, para tender pontes e abordar vías de colaboración entre ambas institucións. Na xuntanza, e aproveitando a conmemoración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, este 11-F, o presidente incidiu na importancia de visibilizar o liderado feminino no ámbito científico e na necesidade de achegar ás nenas nomes de mulleres referentes nas STEAM (siglas en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Arte e Matemática). “É unha obriga recoñecer o papel clave que desenvolven as mulleres na comunidade científica e tecnolóxica”, asegurou o presidente provincial, e “por iso debemos afondar en vías de colaboración conxuntas encamiñadas a eliminar estereotipos de xénero nas STEAM, pero tamén a achegar a ciencia á sociedade e dar a coñecer aos máis cativos o papel que desenvolven as mulleres nestes ámbitos”. Luis López remarcou o feito de que este ano o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, declarado por Nacións Unidas, xire arredor do papel das mulleres no desenvolvemento sustentábel e asegurou que “debemos debater sobre o liderado feminino en tres piares fundamentais para conseguilo: a prosperidade económica, a xustiza social e a integridade medioambiental”.

PUBLICIDADE