A EOS M50 é a primeira mirrorless de Canon con gravación de vídeo en 4K
luns, 26 de febreiro do 2018
Nun momento
no que estamos pendentes das novidades da telefonía móbil, Canon soubo facer
xirar a cabeza para botar un ollo ás súa novidades no sector da fotografía
dixital, pois presentou a súa nova cámara Canon EOS M50, unha
cámara sen espello que sería a primeira da marca en poder gravar vídeo 4K,
contando tamén con pantalla táctil de ángulo variable e o último procesador de
imaxe DIGIC 8.
Esta cámara con sensor CMOS APS-C de 24,1 Mpíxeles pode disparar de xeito
continuo 10 imaxes por segundo, conta con conectividade Bluetooth e Wi-Fi (para
o control remoto e a transferencia de contidos), está equipada cun sistema de
enfoque automático super-rápido, permite gravar vídeo en alta definición de até
120 imaxes por segundo (para poder logo reproducilo a cámara lenta), inclúe a
posibilidade de gardar as fotografías en C-RAW (un formato RAW que permite
aforrar entre un 30 e un 40% do espazo de disco) e, como vén sendo habitual
nesta familia, é compatible cos obxectivos EF-M e os flashes Speedlite.
O seu prezo en EE.UU. será de 780 dólares, e chegará ás tendas no mes de abril.
Vídeo de presentación da Canon EOS M50
Innovación no flash
Pero a nova cámara sen espello de Canon non foi a única novidade
impresionante da marca, senón que tamén anunciou hoxe o primeiro flash do mundo
con AI Bounc, unha funcionalidade que utiliza unha nova tecnoloxía intelixente que calcula e manobra a
posición da cabeza do flash de xeito automático para crear a iluminación óptima
nas imaxes, o que pode resultar de grande utilidade para quen aínda está a
aprender a disparar con flash.
O flash Speedlite 470EX-AI sería o que sorprendería con esta tecnoloxía que
facilitaría perderlle o medo á fotografía con flash, aínda que estamos cun
flash que ten moitas máis prestacións e sería compatible coa meirande das
cámaras Canon EOS comercializadas a partires de 2014.
Vídeo de presentación do flash Speedlite 470EX-AI