A IA estará presente na V edición do Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos

xoves, 29 de febreiro do 2024 S. P.

Achegar o coñecemento científico á sociedade mediante 14 conferencias espalladas ao longo deste ano 2024 é o obxectivo que perseguen a Deputación Pontevedra e a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) co quinta edición do Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos. Indo ás conferencias, dicir que oito serán en formato seminario web dirixidas á cidadanía en xeral (das cales unha será tamén presencial) e cinco presenciais nos centros educativos da provincia.
As conferencias, que se desenvolverán entre abril e decembro, achegarán á sociedade cuestións relacionadas coa medicina, a sustentabilidade, a selección de persoal, a Intelixencia Artificial (IA), os descubrimentos astrónomos, a xenética ou a paleontoloxía.
O V Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos comezará o 18 de abril coas charlas dirixidas á cidadanía en xeral. A primeira xornada terá lugar ás 19 horas con dúas conferencias: Cribado neonatal: onde estamos e cara onde imos, a cargo de Mª Luz Couce Pico (xefa do servizo de Neonatoloxía e directora da Unidade de Diagnóstico e Tratamento de Enfermidades Metabólicas Conxénitas do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago), e VIH: Situación actual, avances e retos actuais, a cargo de Eva Póveda López (coordinadora do grupo de Viroloxía e Patoxénese).
O 25 de abril Sebastián Villasante (doutor en Economía Aplicada e profesor da Universidade de
Santiago) impartirá a conferencia Os alimentos mariños son cruciais para a saúde do planeta e benestar da humanidade e o 16 de maio Fernando Salgado (catedrático de Psicoloxía do Traballo e RRHH e decano da Facultade de Relacións Laborais da Universidade de Santiago) falará sobre O benestar psicolóxico, o equilibrio emocional e o desempeño no traballo.
A Aplicación da Intelixencia Artificial para o procesamento da linguaxe natural. Novas tendencias e desafíos actuais, será outra das conferencias que se levará a cabo o 23 de maio da man de Silvia García Méndez (integrante do Grupo de Tecnoloxías da Información, que forma parte de atlantTTic, da Universidade de Vigo). O 30 de maio Aurora Grandal (profesora titular de Paleontoloxía na Universidade da Coruña e directora do Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal) falará De fósiles a humanos, unha historia de ida e volta e finalmente o 6 de xuño rematarán as conferencias dirixidas á cidadanía en xeral con dúas charlas: Os biomateriais no combate do cancro, a cargo de Bárbara Blanco (investigadora Ramón y Cajal no Departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago) e Células CAR-T: novo paradigma no tratamento do cancro, a cargo de Mariona Baliu (responsábel do Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas de Galicia de Galaria).
En canto ás charlas dirixidas ao alumnado dos centros de ensino da provincia que imparten ESO, Bacharelato e ciclos formativos, as conferencias terán lugar entre maio e decembro e serán en formato presencial. Os relatorios tratarán sobre Intelixencia Artificial nas nosas vidas, a cargo de María José Carreira (profesora titular da área de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade de Santiago); Ser ou non ser hacker e o dilema dos sombreiros, a cargo de Manuel Caeiro (profesor titular de Enxeñaría Telemática da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo); Medicamentos personalizados, a cargo de Carmen Álvarez (catedrática de Tecnoloxía Farmacéutica da Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago de Compostela e académica da Real Academia Galega de Ciencias e da Real Academia de Farmacia de Galicia); Exoplanetas e a nova ciencia de Astrobioloxía, a cargo de Minia Manteiga (catedrática de Astrofísica do Departamento de Ciencias da Navegación e Enxeñaría Mariña da Universidade da Coruña); e por último, O impacto das substancias cotiás no noso material xenético, a cargo de Vanessa Valdiglesias (profesora titular de Xenética na Universidade da Coruña e coordinadora do Grupo de Investigación en Nanotoxicoloxía e Toxicoloxía Xenética do Centro de Investigación Científicas Avanzadas da mesma universidade).

PUBLICIDADE