A Industriosa móstranos nun novo obradoiro os fundamentos de KiCad

martes, 16 de maio do 2023 S. P.

O vindeiro sábado 20 de maio a sede en Vigo de A Industriosa acolle unha nova xornada divulgativa de tecnoloxías creativas, participativas e argalleiras. Trátase dun obradoiro de Iniciación a KiCad (Deseña e fabrica os teus PCBs). “Neste curso”, explican dende A Industriosa, “aprenderemos os fundamentos do deseño de circuítos electrónicos e como utilizar KiCad, o popular software de deseño de circuítos electrónicos de código aberto, para crear esquemas e PCB”.
No obradoiro afondarase en cuestións de utilidade como a colocación de compoñentes, o uso de librerías, o trazado de pistas e a xeración de arquivos Gerber para produción.
Este curso está deseñado como iniciación no deseño de circuítos electrónicos e non se require experiencia previa en KiCad ou deseño de PCB.
Ao final da actividade formativa, as persoas participantes adquirirían as habilidades necesarias para deseñar esquemas e PCBs utilizando KiCad.
Para participar debemos realizar a inscrición de balde en Meetup.
Este obradoiro está patrocinado pola Xunta e pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).

PUBLICIDADE