A Internet estrea Salón da Fama

mércores, 25 de abril do 2012 Marcus Fernández

A Internet Society (ISOC), organización sen ánimo de lucro que este ano celebra o seu 20º aniversario, decidiu honrar á persoas que contribuíron ao desenvolvemento da Internet inaugurando un Salón da Fama da Internet, iniciativa que pretende converterse nuns premios anuais que permitirán facer un repaso por todos eses pioneiros, innovadores e promotores que levaron á Rede a onde está hoxe.
O Salón da Fama da Internet xa conta cunha páxina web de seu na que podemos consultar os galardoados na súa primeira edición destes premios, que figuran en 3 categorías distintas: círculo de pioneiros (persoas importantes no deseño e desenvolvemento inicial da Rede), innovadores (que contribuíu á expansión da Internet dende os ámbitos tecnolóxico, político ou empresarial) e socializadores globais (individuos que axudaron a mellorar o uso da Internet a nivel mundial).

Algúns dos integrantes do novo Salón da Fama da Internet

Entre os primeiros en formar parte deste novo Salón da Fama están algúns dos pais da Internet como Paul Baran, Vint Cerf, Steve Crocker, Leonard Kleinrock ou Jon Postel; grandes innovadores como Tim Berners-Lee (inventor da World Wide Web), Linus Torvalds (creador do sistema operativo Linux), Philip Zimmermann (creador do sistema de encriptación PGP) ou Mitchell Baker (unha das persoas detrás da Fundación Mozilla); e promotores a grande escala como Al Gore (quen sendo vicepresidente dos EE.UU. contribuíu ao recoñecemento da Internet como unha autoestrada da información), Brewster Kahle (fundador e director do Internet Archive), Daniel Karrenberg (que contribuíu na construción do primeiro ISP pan-europeo e co fundou RIPE), Toru Takahashi (peza chave para levar a Rede ao Xapón) ou Tan Tin Wee (fundador do sistema de nomes de dominio de Internet multilingües).

PUBLICIDADE