A LUMIX S1H gravará vídeo 6K a 24 imaxes por segundo
venres, 31 de maio do 2019
Panasonic
anunciou hoxe o desenvolvemento da cámara LUMIX S1H, unha nova cámara con
obxectivo individual sen espello equipada cun sensor de tamaño completo que
presume de ser a primeira cámara dixital de obxectivos intercambiables do mundo
en gravar vídeo en 6K a 24 imaxes por segundo (cunha relación de aspecto 3:2), en
5,9K a 30 imaxes por segundo (en 16:9) e en 4K e 10 bits a 60 imaxes por
segundo, que sairá á venda no outono.
Panasonic xa destacara en 2009 coa gravación de vídeo AVCHD en alta definición
da LUMIX GH1, coa gravación 4K da LUMIX GH4 en 2014 e coa gravación 4K a 60
imaxes por segundo da LUMIX GH5, e a LUMIX S1H continuaría neste liña de innovación.
A enorme resolución da LUMIX S1H adáptase a unha ampla variedade de formatos de
gravación, podendo empregarse tamén para producir contidos en 4K aproveitando a
resolución para un maior detalle ou realizando recorte sobre a imaxe captada.
Amais, o rango dinámico e o espazo de cor desta nova cámara estará ao mesmo
nivel de moitas cámaras de cine. Un detalle que tamén destacan dende Panasonic
é que a S1H pode gravar vídeo de xeito ilimitado,
ou sexa, sen ter que parar para que arrefríe o seu sensor.
A LUMIX S1H sería unha cámara ideal para a produción de películas, e aínda que
non se anunciou oficialmente o seu prezo, espérase que estea preto dos 4.000
dólares.