A Mi Band 2 ofrece notificacións e unha completa monitorización física por pouco máis de 20 euros

xoves, 2 de xuño do 2016 Marcus Fernández

Mentres os smartwatches continúan con problemas para callar no mercado, as pulseiras de actividade son cada vez máis completas e continúan a ter certo pulo grazas a que, en moitos casos, cobren as necesidades básicas de notificación que piden os usuarios e o seu uso diario resulta máis cómodo principalmente pola súa boa autonomía, e un dos produtos estrela neste segmento é sen dúbida a pulseira Mi Band de Xiaomi, que presentou hoxe a súa versión renovada, a Mi Band 2, que preséntase como un produto moi completo a un prezo axustadísimo, xa que só custa 149 iuans (20,20 euros).
A Mi Band 2 é un monitor de actividade física, ritmo cardíaco e de calidade do sono, que presume de resistencia á auga (IP67) e dunha autonomía de até 20 días, destacando nesta revisión por integrar unha pantalla OLED que permite ver a hora, os datos do seu podómetro e as nosas pulsacións por minuto.
Comercialízase con correas de silicona hipoalerxéncia de distintas cores e tamén pode conectarse por Bluetooth 4.0 co noso smartphone para acceder aos datos rexistrados pola pulseira e para que a pulseira vibre cando recibamos unha notificación no móbil, algo que xa facía a súa predecesora, pero que, desta volta, grazas á incorporación da pantalla OLED, é moito máis práctico, xa que indica o tipo de notificación recibida (chamada, mensaxe de texto...). Outra función interesante da Mi Band 2 é que pode empregarse para desbloquear o noso smartphone, de xeito que cando a pulseira estea preto do teléfono non será preciso nin introducir o PIN nin desbloquear o teléfono coa nosa pegada dixital se queremos acceder a el, xa que entenderá que somos nós grazas a este accesorio.

A Mi Band 2 pode empregarse para desbloquear o noso smartphone

PUBLICIDADE