A Mi Box S quere potenciar o uso do Asistente de Google e de Netflix
mércores, 10 de outubro do 2018
A Mi Box de Xiaomi,
un dos reprodutores multimedia baseados en Android TV coa mellor relación
calidade-prezo do mercado, que facilita converter practicamente calquera
televisor con entrada HDMI nun Smart TV, e que actualmente comercialízase en
España por 74,99 euros, vén de renovarse, de xeito que xa está no mercado a Mi Box S, revisión que conserva a
súa resolución 4K e a integración de Chromecast, pero que reduce o seu prezo
lixeiramente, de xeito que é posible que o atopemos nas tendas dentro duns
meses a prezos que se aproximen aos 60 euros.
A Mi Box S funciona cunha versión de Android TV baseada en Android 8.1, soporta
tanto 4K como HDR con son Dolby e DTS; integra Chromecast para poder presentar
en pantalla contidos que enviemos dende o ordenador ou o móbil; conta tamén co
Asistente de Google para poder aproveitar o micrófono do seu mando para dar
ordes ás nosos dispositivos domésticos e renovou o seu mando para incluír un
botón de Netflix (aplicación que integra de sempre, pero que deste xeito está
máis accesible) e de televisión en directo.
A nivel de especificacións, falamos dun dispositivo cun procesador de 64 bits e
4 núcleos, con 2 GB de RAM, 8 GB de almacenamento interno, Wi-Fi AC, Bluetooth
4.2, USB 2.0 e HDMI 2.0a que ofrece potencia dabondo non só para gozar de contidos
de vídeo das plataformas máis populares, senón tamén para gozar de xogos en
pantalla grande (sendo compatible con moitos mandos Bluetooth) polo que pode
facer tamén as funcións dunha consolas básica, facendo que o seu prezo pareza
aínda máis axustado.