A PS Vita chegará a Europa o 22 de febreiro

mércores, 19 de outubro do 2011 Marcus Fernández

A PS Vita puido verse na pasada edición do GAMEFEST en Madrid

Sony Computer Entertainment Europe anunciou hoxe que a nova consola portátil PlayStation Vita vai estar dispoñible tanto en Europa como nos EE.UU. a partir do 22 de febreiro de 2012, a un prezo de venda recomendado de 249,99 euros o modelo con Wi-Fi e a 299,99 euros a versión que tamén inclúe conectividade 3G para levar a experiencia de xogo a practicamente calquera lugar.
A nova portátil chegará ao Xapón a tempo para o Nadal, e no país nipón incluso rexistráronse colas para a súa reserva, pois estamos ante un dispositivo moi agardado, xa que recolle nun pequeno tamaño unha potencia impresionante, así como unha grande diversidade de mecánicas de xogo, pois esta consola con pantalla multi-táctil OLED de 5 polgadas tamén conta cun panel táctil traseiro, 2 sticks analóxicos, sensores de movemento e 2 cámaras.
Dende Sony aseguran que xa hai máis de 80 xogos en produción para a PS Vita, tanto de Sony como doutras compañías, entre os que están títulos como LittleBigPlanet, Wipeout 2048, Resistance: Burning Skies, Uncharted Golden Abyss, Assassin’s Creed, EA Sports FIFA 12 ou Call of Duty.
Tecnicamente estamos ante un dispositivo cun procesador ARM Cortex A 9 de 4 núcleos, procesador gráfico SGX543MP4+, pantalla de 5 polgadas cunha resolución de 960 x 544 píxeles, Wi-Fi N, Bluetooth 2.1, USB, gravación de vídeo, GPS (no modelo 3G), reprodución multimedia (con soporte de ficheiros MP3, MP4, WAV, H.264, JPEG, TIFF, BMP, GIF e PNG) e unhas medidas de 182 x 83,5 x 18,6 milímetros.


Repaso das posibilidades da PS Vita

PUBLICIDADE