A Pont-Up Store premia unha iniciativa que propón drons como alternativa sustentábel aos fogos de artificio: Luxsit

luns, 2 de outubro do 2023 S. P.

No mediodía deste sábado 30 de setembro entregáronse os premios ás mellores iniciativas empresariais da 10ª edición do Encontro de Emprendemento Pont-Up Store, escaparate de novas e innovadoras startups de Pontevedra. Foron distinguidas as firmas Naboo, Barvantia, Cousiñas, La Cuerda Floja, Eco Siolaz, Ana Freiría e Perusiñas. Tamén obtivo recoñecemento Luxsit, que propón o uso de drons sustentábeis como alternativa aos fogos de artificio.
Ao acto asistiron Anabel Gulías, concelleira de Promoción económica do Concello de Pontevedra; Torreiro Pablo Fernández, secretario xeral de Emprego, Traballo autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia; Jorge Cubela, deputado de Reto Demográfico, Xuventude e Desenvolvemento Rural da Deputación de Pontevedra; José Luis Ramírez Matos, director de zona Pontevedra Metropolitana de Abanca; Ángela Cal e Roberto Cabeceira, do comité organizador do encontro; e Pedro Figueroa, director do Pont-Up Store, quen manifestou que “estas iniciativas son unha boa mostra dun país cada vez máis sustentábel, máis innovador e máis igualitario”.
A empresa Naboo Solutions sl, conseguiu facerse co Premio ao Mellor Emprendemento e tamén co recoñecemento como mellor iniciativa no ámbito das enxeñarías co deseño dunha aplicación que conecta a empresas de hostalería e distribuidoras para facilitar a realización e a entrega de pedidos.
No apartado de Turismo, fíxose co premio Barvantia organiza o Camiño de Santiago para autocaravanas, furgonetas camper e todo tipo de vehículos vivenda.
Cousiñas foi recoñecida como proxecto destacado no ámbito da Formación, Educación, Arte e Cultura, pola súa proposta de escola de cociña orientada a todos os públicos.
No ámbito da Comunicación, o Deseño Gráfico e os Eventos, destacou o proxecto da axencia de mercadotecnia, comunicación e publicidade, La Cuerda Floja.
No eido do Ocio e o Benestar, recoñeceuse a estratexia da marca de cosmética natural Eco Siolaz, que crea produtos para que as persoas que dispoñen de pouco tempo consigan aplicar rutinas de coidado da pel.
Na modalidade das TIC e Novas Tecnoloxías, o xurado destacou a innovadora proposta de Luxsit, que ofrece espectáculos de luces personalizados con enxames de drons sustentábeis como alternativa aos fogos de artificio
En Deseño de Moda, Complementos e Decoración recibiu o premio a marca de xoiería artesanal de Ana Freiría elaborada con metais reciclados, como o cobre e o latón, rescatados do sector naval para darlles unha nova vida.
Por último, en Alimentación e Restauración fíxose co premio Perusiñas, unha nova marca de doces artesáns gourmet elaborados en Galicia e envasados en vidro que en só un ano de actividade xa conta con máis de 130 puntos de venda en Galicia e tamén fóra.
A Pont-Up Store está impulsada polo Campus de Pontevedra (UVigo) e organizada polo Grupo G4Plus (Campus de Pontevedra) e a Asociación Pont-Up Store.

PUBLICIDADE