A RAG e PuntoGal convocan a cuarta edición do seu certame de microrrelatos
xoves, 28 de xaneiro do 2021
A
Real Academia Galega e
a Asociación Puntogal convocaron a 4º edición do seu
certame de microrrelatos,
co fin de reforzar a presenza da lingua e da identidade propias no
mundo dixital. Así, o presidente da Real Academia Galega, Víctor
Freixanes, sinala que “a aceptación do concurso é unha mostra da
vitalidade da lingua nas novas xeracións e en xeracións non tan
novas que tamén participan cada ano con máis interese e presenza.
Unha proba de vitalidade dun idioma, a lingua galega, que vive no
século XXI e teima en ollar sempre cara a diante, cara ao futuro”.
As
entidades organizadoras agardan mellorar o éxito de participación
das edicións anteriores do certame. Polo momento, xa se presentaron
máis de 1.600 historias escritas por persoas de todas as idades. De
esta forma, o presidente de PuntoGal, Manuel González, afirma que o
prognóstico é “que
a participación siga en aumento coa mesma progresión dos anos
anteriores”. Ademais, engade,
“é especialmente importante a participación dos nenos e mozos,
porque á parte de contribuír á súa formación como escritores,
reforza tamén os lazos de afectividade coa lingua galega”.
No
certame haberá 3 categorías, que estarán distribuídas por idades
para facilitar a participación de todo o público. Na infantil,
poderán participar nenos e nenas de ata 11 anos. Mentres, na
xuvenil, será apta para mozos e mozas de 12 a 17 anos. Na categoría
de adultos poderá presentarse calquera persoa maior de idade. Os
textos que se presenten deberán acadar como máximo 200 palabras.
As
persoas gañadoras recibirán distintos premios tecnolóxicos, dende
ordenadores, consolas ou lectores electrónicos de libros. Esta
edición inclúe 9 premios, 3 por cada categoría. As historias
premiadas publicaranse nas páxinas das entidades organizadoras e na
revista Luzes.
Os
formularios de participación, así como os textos do concurso,
deberán entregarse a través da web www.relatos.gal.
O prazo para concursar permanecerá aberto do 1 ao 28 de febreiro de
2021.