A RAGC e GAIN anuncian a 9ª edición dos Premios á Transferencia de Tecnoloxía

martes, 14 de febreiro do 2023 S. P.

A novena edición dos Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2023 vén de ser anunciada pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), entidade organizadora do evento en colaboración coa Axencia Galega de Innovación (GAIN). A finalidade destes galardóns é a de recoñecer casos de éxito de transferencia de coñecemento na comunidade e difundilos á cidadanía.
Indo ao miolo dos premios, dicir que se dividen en tres categorías: o “Francisco Guitián Ojea”, que distingue un traballo de investigación aplicada para recoñecer a creación, por parte dun grupo de investigación, dunha tecnoloxía aínda non transferida e da que se deriven claras aplicacións para o desenvolvemento socioeconómico de Galicia (o traballo pode ser inédito ou estar xa publicado con posterioridade a 2020). O premio “Fernando Calvet Prats”, que salienta un caso de éxito de transferencia de tecnoloxía promovido por un grupo de investigación, froito da colaboración cunha empresa (encamiñado ao grupo creador da tecnoloxía transferida). E o premio “Ricardo Bescansa Martínez”, que galardoa un caso de éxito empresarial de implantación de tecnoloxía transferida, froito da colaboración cun grupo de investigación galego (encamiñado á empresa que implantara con éxito a tecnoloxía transferida).
Engadir que as tres categorías están dotadas cada unha delas cun premio de 6.000 euros e un diploma acreditativo. Ás dúas primeiras categorías poderá concorrer todo o persoal adscrito a centros de investigación emprazados en Galicia, incluíndo os centros tecnolóxicos. Á terceira poderán optar empresas galegas ou que teñan un centro de traballo radicado na comunidade. En ningunha das tres modalidades poderán resultar galardoados grupos de investigación ou empresas que foran premiadas nalgunha das tres edicións anteriores do certame, así como tampouco as académicas e académicos da RAGC.
O prazo para a recepción de solicitudes ábrese o mércores 15 de febreiro e pecharase o 15 de abril. A tramitación das candidaturas farase de xeito telemático, a través dun formulario específico para cada categoría dispoñíbel nas páxinas web da RAGC e de GAIN. Unha vez cumprimentado, o formulario será remitido ao enderezo electrónico ptt@ragc.gal.
Para máis información e bases cómpre visitar a web dos premios.

PUBLICIDADE