A SCIE, a CODDII, o CONCITI e o CCII mostran o seu firme rexeitamento á eliminación da Informática no Bacharelato

venres, 21 de xaneiro do 2022 S. P.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) compartiu un comunicado de alcance estastal no que se pon de manifesto o malestar e a preocupación da profesión que representa a entidade respecto da eliminación das materias de informática no Bacharelato, tal e como, segundo advirte o colexio, se contempla na nova lei de educación (LOMLOE). No comunicado faise saber que “a informática, como materia fundamental para a sociedade actual, necesita ensinarse en materias propias para garantir a calidade da súa educación”. E engádese: “Non hai progreso sen informática”.
O comunicado foi asinado pola Sociedade Científica Informática de España (SCIE), a Conferencia de Decanos e Directores de Enxeñaría Informática (CODDII), o Consello de Colexios de Enxeñeiros Técnicos en Informática (CONCITI), o Consello de Colexios de Enxeñeiros en Informática (CCII), a Plataforma Nacional de Asociacións de Profesores de Informática (PNAPI) e a Reunión de Estudantes en Enxeñarías Técnicas e Superiores en Informática (RITSI).
Estes son os puntos que dirixen ao Goberno respecto dos cambios que pon en marcha a nova lei:
a) “Na LOMLOE elimínanse as materias de informática (TIC) de Bacharelato. Os borradores de real decreto reguladores dos ensinos de Bacharelato eliminan as materias de Tecnoloxías da Información e a Comunicación 1 (TIC1) e Tecnoloxías da Información e a Comunicación 2 (TIC2), que existían actualmente. Ambas as materias foron introducidas na LOMCE como materias específicas. A LOMLOE estableceu 42 materias en Bacharelato, pero omite informática a nivel nacional”.
b) “A competencia dixital só habilita como usuario, mentres que a informática educa como creador. A competencia dixital só capacita a utilizar as ferramentas dixitais, pero a informática é a ciencia que proporciona o coñecemento sobre a estrutura e funcionamento dos computadores, linguaxes e técnicas de programación, bases de datos, redes, ciberseguridade, algoritmos, intelixencia artificial, etc”.
c) “A informática, como materia fundamental para a sociedade actual, necesita ensinarse en materias propias para garantir a calidade da súa educación. Expor que se adquiran coñecementos de informática de forma transversal noutras materias é equivalente a propor que se elimine a materia de matemáticas porque no resto das materias utilízanse fórmulas matemáticas e unha calculadora. E o mesmo podería argumentarse sobre as materias de lingua ou de idiomas estranxeiros. É evidente que profesores e profesoras dunha especialidade non poden ensinar simultaneamente a súa materia xunto con informática”.
d) A situación internacional é oposta á visión do Ministerio. En países como Reino Unido, Finlandia, Francia, Israel ou Singapura existen materias de informática nos niveis equivalentes. Segundo o informe da rede Eurydice, que aglutina a 37 países e analiza como se organizan e funcionan os sistemas educativos en Europa, a informática era unha materia obrigatoria independente en 15 países europeos xa en 2019. Informatics Europe, o organismo que engloba ao ensino e a investigación pública e privada no sector informático en Europa subscribe a petición que estamos a realizar”.


PUBLICIDADE