A Secretaría xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica aposta polo impulso da axenda dixital local na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

xoves, 15 de abril do 2010 Redacción

O impulso da Axenda Dixital Local (ADL) é un instrumento esencial para a concreción da estratexia para o desenvolvemento da sociedade da información na realidade das rexións e cidades, a máis próxima ao cidadán. Así o subliñou esta mañá a responsable de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira durante a súa intervención na sesión inaugural do Seminario sobre Innovación, organizado polo Eixo Atlántico e que se celebra hoxe e mañá na Coruña.
A Xunta de Galicia e o Eixo Atlántico apostan pola innovación como elemento de desenvolvemento rexional e cooperación transfronteiriza e están a desenvolver diferentes actuacións para a implantación da Axenda Dixital Local na Eurorrexión. Ambas as dúas institucións presentaron dúas candidaturas aos fondos comunitarios para a realización de iniciativas nesta área por un importe total de tres millóns de euros. A primeira delas cun importe de case 1,5 de euros xa foi aprobada e ten como obxectivo poñer en marcha novas actividades relacionadas coa aplicación das TIC aos servizos públicos mediante a cooperación interrexional. Estase a traballar nunha segunda candidatura, liderada pola Xunta de Galicia, cun importe de 1,5 de euros para desenvolver especificamente unha ADL para a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
A secretaria xeral lembrou que é un feito que as novas tecnoloxías permiten modificar o xeito no que as persoas traballan, interactuan e viven diariamente, avanzando cara unha sociedade na que a información pasa a ser un ben de consumo demandado polos cidadáns e as empresas. Neste escenario as novas xeracións de usuarios esixen novos modelos de prestación de servizos e de relacións coas administracións, o que implica de xeito especial ás entidades locais, o primeiro elo de contacto da cadea institucional cos cidadáns.

PUBLICIDADE