A Sony Alpha 7S III opta pola sensibilidade en vez de incrementar a súa resolución

martes, 28 de xullo do 2020 Marcus Fernández

Sony anuncia hoxe a súa agardada cámara Alpha 7S III (modelo ILCE7SM3), unha cámara sen espello optimizada para a gravación de vídeo, de aí que se conforme cun sensor full-frame retroiluminado de 12,1 Mpíxeles que aposta por unha grande sensibilidade en vez de unha alta definición, cun rango dinámico de máis de 15 pasos e capaz de gravar vídeo 4K a 120 imaxes por segundo con cor a 10 bits 4:2:2. Tamén conta cun novo mecanismo de disipación de calor e gravación en dobre tarxeta de memoria que permite gravar máis dunha hora de vídeo 4K a 60 imaxes por segundo antes de esgotar a batería. A súa pantalla LCD táctil tamén conta con apertura lateral, o que resulta moi práctico para a gravación de vídeo, aínda que para fotografía segue a ser unha cámara moi solvente.
Entre as novidades da Alpha 7S III está un sensor CMOS Exmor R full-frame retroiluminado que reduce o rolling shutter até 3 veces e utiliza avanzadas técnicas de captación de luz para garantir unha alta sensibilidade con pouco ruído, permitindo así traballar en situacións con pouca iluminación sen necesidade de configuracións de iluminación externa de grande tamaño. O sensor de imaxe tamén conta cun sistema de enfoque automático de detección de fases en plano focal (por primeira vez nunha cámara da serie S) e co novo procesador BIONZ XR presume de até 8 veces máis potencia de procesamento, menos latencia e outras características salientables desta grande cámara que tamén destaca polo seu visor electrónico OLED de 9,44 Mpíxeles e dobre rañura para tarxetas CFexpress Tipo A (o que garante a transferencia de datos a alta velocidade nun tamaño compacto).
A Sony Alpha 7S III permite un fluxo de traballo con vídeo máis flexible e eficiente, empregando codificacións All-Intra e MPEG-H HEVC/H.265 (XAVC HS), podendo configurarse con 3 gamas de cores (S-Gamut, S-Gamut3 e S-Gamut3.Cine) para facilitar a combinación das súas gravacións coa de outras cámaras de vídeo profesionais, e tamén permite a saída de até 4K a 60 imaxes por segundo en RAW de 16 bits a un gravador externo a través de HDMI Tipo A.
A cámara conta cos sistemas de enfoque avanzado propios de Sony, que permite optar entre distintos métodos de enfoque automático para personalizar con que facilidade a cámara cambiará o enfoque automático ou quedará bloqueada sobre o suxeito.
O seu enfoque cun toque en pantalla tamén mellora de xeito substancial xa que é posible activalo de xeito remoto a través da aplicación Imaging Edge Mobile (o que resulta especialmente práctico cando se ten a cámara nun estabilizador).
Os xornalistas especializados tamén poden aproveitar a súa boa conectividade para entregar as súas fotografías e vídeos rapidamente, admitindo Wi-Fi AC con MIMO e, no caso de contarmos cun smartphone 5G compatible conectado pro cable USB poderiamos transferir ficheiros rapidamente valéndonos da banda larga móbil. Para transferir os ficheiros a un PC tamén podemos usar o USB-C, admitindo velocidades de até 5 Gbps.
Esta nova cámara de Sony chegará a Europa no mes de setembro a un prezo aproximado de 4.200 euros.

Vídeo promocional da Sony Alpha 7S III

PUBLICIDADE