A Surface 3 chega como unha tableta de Microsoft máis cativa, lixeira e barata

martes, 31 de marzo do 2015 Marcus Fernández

Nos últimos anos os equipos da gama Surface foron gañando popularidade, sendo o mellor recibido polo mercado con moita diferenza o Surface Pro 3, pese ao seu elevado prezo, e en vista do atractivo deste tipo de tableta que agocha no seu interior un ordenador completo dende Microsoft decidiron reforzar a gama cun modelo máis básico e económico: a nova tableta Surface 3.
Estamos ante unha tableta con pantalla Full HD de 10,8 polgadas (mantendo a resolución 3:2 polo que ten a curiosa resolución de 1.920 x 1.280 píxeles) e un peso de 622 gramos, que pode colocarse na pesa de xeito cómodo e elegante cunha peaña abatible de 3 posicións, que funciona con Windows 8.1 (aínda que lánzase coa vista posta na actualización de balde a Windows 10) e que no seu interior conta cun procesador Intel Atom de catro núcleos que, xunto á súa pantalla de tamaño máis pequeno que a do seu irmán maior contribúe a que poida presumir dunha autonomía de até 10 horas. Para ampliar o dispositivo conta cun porto USB 3.0 de tamaño completo, mini DisplayPort, lector de tarxetas microSD, toma de auriculares, porto para cuberta e porto de carga micro USB. Funciona cun stylus semellante ao do Surface Pro 3, o que permite unha grande experiencia de uso, tanto para facer anotacións como para debuxar (xa que detecta 256 niveis de presión) aínda que desta volta tanto o lapis véndese por separado (como xa acontecía con outro dos accesorios imprescindibles deste produto: a súa funda-teclado). O prezo do lapis para a tableta Surface 3 será de 49,99 dólares nos EE.UU. (o prezo en España aínda non se anunciou, sendo posible que custe 59 euros de estar na liña da actual traslación de prezos entre EE.UU. e Europa).
O máis salientable desta nova tablet é que o seu prezo parte dos 599 euros, co que poderiamos adquirir a súa versión con 2 GB de RAM e 64 GB de almacenamento interno, mentres que por 719 euros teriamos un máis que digno Surface 3 con 4 GB de RAM e 128 GB de almacenamento interno. Ambos equipos poden encargarse xa e comezarán a remitirse aos compradores o vindeiro 7 de maio.
A chegada deste equipo podería considerarse como a morte definitiva de Windows RT, xa que até o momento a diferenza entre as tabletas Surface e as Surface Pro é que a gama baixa funcionaba con RT e procesadores ARM, mentres que a gama alta era como un ordenador completo. A renovación da gama Surface supón que xa todas as tabletas modernas con Windows serán compatibles con software de escritorio e, de feito, a Surface 3 inclúe un ano de Office 365 Persoal sen custo adicional.
Dá a impresión de que coa Surface 3 Microsoft no só pretende colocar no mercado un produto máis económico, senón que tamén busca un formato máis cativo e transportable (de feito, vai contar con modelos con conectividade 4G), xa que a diferenza de prezo entre ambas gamas é demasiado cativo (de feito, de cando en vez as tabletas Surface Pro teñen descontos de 100 euros, o que provocaría un solapamento de prezos entre ambas series).

A peaña da Surface 3 só conta con 3 posicións


Vídeo de presentación do novo Surface 3 de Microsoft

PUBLICIDADE