A Surface Pro 4 chega mellorando potencia, grosor e autonomía
martes, 6 de outubro do 2015
Tras a magnífica acollida que tivo a Surface Pro 3,
confirmouse que o seu tamaño fora todo un acerto á hora de propor unha tableta que
puidese substituír as funcións dun ordenador portátil, e Microsoft decidiu
mellorar agora o produto coa Surface
Pro 4, unha tableta máis lixeira e potente, que só ten 8,4 milímetros de
grosor, goza dunha impresionante pantalla PixelSense de 12,4 polgadas (cunha
resolución de 2.736 x 1.824 píxeles) e vén equipada con procesadores Intel Core
M3, i5 ou i7, partindo o seu prezo de venda dos 999 euros, o que fai que este
produto sexa menos alcanzable que a anterior xeración, o que pretenden
compensar cun mellor rendemento, un funcionamento máis silencioso e incluso
unha maior autonomía (agora chegaría até as 9 horas).
Pese a estamos ante un equipo que pode ter até un procesador Core i7, 16 GB de
RAM, gráfica Intel Iris, e SSD de até 512 GB, o seu peso consegue contarse nun
rango de entre 766 e 786 gramos segundo a súa configuración. Iso si, finalmente
incorpora unha cámara traseira de 8 Mpíxeles e unha dianteira de 5 Mpíxeles, de
xeito que non contará coa tecnoloxía Intel RealSense 3D como se rumoreou nun
primeiro momento.
Microsoft tamén redeseño a súa Type Cover, funda que tamén fai de teclado
mecánico, que converte a tableta en portátil nun instante e que agora presenta
un espazado entre teclas optimizada para un uso máis rápido e fluído (sendo
este novo accesorio tamén compatible coa Surface Pro 3) e contando coa
posibilidade (opcional) de integrarlle un lector de pegadas dixitais.
Tamén mellora o lapis dixitalizador, o Surface Pen, que agora ten unha
sensibilidade de 1.024 niveis de presión, facilitando escribir, debuxar e
sinalar documentos cunha maior precisión coa punta do lapis (mentres que a
parte traseira fai de borrador).
Este novo equipo chegará as tendas norteamericanas o 26 de outubro,
descoñecéndose polo momento a data na que chegará a España.
Vídeo promocional da Surface Pro 4