A TDT garante a súa supervivencia até 2031
luns, 18 de decembro do 2023
Durante
a celebración da World Radiocommunication Conference 2023 (WRC-23) en Dubai
organizado pola Unión Internacional de Telecomunicacións (ITU) chegouse
a un acordo sobre a asignación de frecuencias para servizos de telefonía móbil
a nivel mundial, para avanzar cara a nova versión da 5G e sucesivas
tecnoloxía móbiles.
Entre as decisións adoptadas está a designación das frecuencias entre os 6.425
e 7.125 GHz para tecnoloxías de comunicacións sen fíos, principalmente para
telefonía móbil (aínda que non impediría o seu uso para outras tecnoloxías sen
fíos, como está a facerse actualmente con algunhas versións de Wi-Fi).
Pero o máis relevante para a poboación xeral sería o adiamento do que
poderiamos chamar o terceiro dividendo dixital, ou sexa, que a banda entre os
470 e os 694 MHz empregada actualmente pola Televisión Dixital Terrestre quedará
reservada até 2031, o que garante un período de calma para a TDT, que víase
ameazada a desaparecer ou a reducir considerablemente a súa oferta de contidos
ante a proliferación de servizos de telefonía móbil, que cada vez devoran máis
espazo do espectro radioeléctrico.
A
resolución 235, que é a que aborda esta problemática, recolle que o sector
das telecomunicacións deberá analizar a situación de cara a 2031, analizando a
necesidade real da banda reservada para a TDT e a conveniencia de ceder parte
das súas frecuencias á banda larga móbil, o que parece inevitable, xa que a
televisión terrestre ten cada día un menor consumo, e a industria diríxese a
unha televisión que chegue aos usuarios finais a través de redes de datos, o
que permite unha maior optimización de recursos.