A Toxa acolle este venres a nova edición de GaliciaTIC e da Noite Galega das Telecomunicacións
venres, 17 de novembro do 2006
O encontro tecnolóxico GaliciaTIC desenvólvese este ano ó longo dunha única xornada: a do venres 17 de novembro. Ademais, esta convocatoria vén con novo emprazamento, e pasa de celebrarse no Palacio de Congresos de Santiago ó Hotel Hesperia da Toxa. A xornada deste venres 17 estará dividida en tres partes: unha mañá dedicada ás presentacións de desenvolvementos tecnolóxicos, un serán que inclúe un Foro de Negocios e a presenza –entre outros– de Carlos Jiménez (presidente de Secuware), e un final do serán que liga directamente con A Noite Galega das Telecomunicacións e a Sociedade da Información, encontro da AETG-COETG que comeza coa presentación oficial en Galiza e en España do sistema operativo Windows Vista de Microsoft. O gran obxectivo do foro GaliciaTIC é “difundir e promover o uso das novas tecnoloxías entre as empresas galegas”. O encontro, que está organizado polo IGAPE (Instituto Galego de Promoción Económica), vai polo tanto dirixido a profesionais de tódolos sectores, non só do estritamente tecnolóxico, ofrecéndolles ademais unha plataforma para comprobar as vantaxes da aplicación das novas ferramentas nas súas iniciativas empresariais.
O conselleiro de Economía e presidente do IGAPE, José Ramón Fernández Antonio, será o encargado de pechar a xuntanza, dando paso (como dixemos) á celebración da XI Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información.
Premios na Noite Galega das Telecomunicacións
Recoñecer o labor das empresas galegas (ou vinculadas a Galiza) do sector tecnolóxico a prol da innovación, a competitividade e, tamén, da divulgación e a formación relacionada coas novas canles e ferramentas do coñecemento. Esa é unha das principais razóns de ser do Premio Gerardo García Campos 2006 que convoca a Asociación e o Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia (AETG-COETG) e que chega a gora á súa cuarta edición, estando prevista a súa entrega no marco da undécima Noite Galega das Telecomunicacións, o vindeiro 17 de novembro no Gran Hotel da Toxa.
Máis polo miúdo, o que devandito colectivo de enxeñeiros galego quere con este premio é achegar o máximo pulo a proxectos empresariais emerxentes que sexan salientables nos seguintes eidos: introdución das TIC en sectores nos que fornezan valor en procesos tradicionais; desenvolvemento de produtos aplicables en mercados amplos; orientación á exportación; creación de emprego tecnolóxico; actividade en I+D+I; aumento do espectro de valor no sector das TIC (contidos) e desenvolvemento de produtos de interese social. Poderán concorrer ao premio, que ten unha dotación económica de 6.000 euros, tódalas pequenas e medianas empresas (pemes) privadas españolas relacionadas co sector das TIC que leven constituídas menos de cinco anos na data da convocatoria.
Por ser a Fundación Enxeñeiro Gerardo García Campos de interese galego e contar co protectorado da Consellería de Industria da Xunta de Galicia, os proxectos que se presenten deberán estar vinculados á nosa terra, tendo que cumprir –polo menos- algún dos seguintes requisitos: que os socios fundadores sexan galegos; que a sede social estea en Galicia ou que o proxecto empresarial repercuta de maneira directa en beneficio da nosa comunidade.
