A UDC e Nunsys Group abren a convocatoria das Bolsas Sof.ia para promover o talento feminino STEM
luns, 18 de maio do 2026
Fomentar o talento feminino e espertar vocacións en disciplinas STEM entre alumnas de secundaria é o obxectivo das Bolsas Sof.ia by Nunsys Group, unha iniciativa da UDC xunto á compañía tecnolóxica Nunsys Group, referente en innovación e transformación dixital, enmarcada na súa estratexia de responsabilidade social corporativa que conta co apoio do almacenista tecnolóxico TD SYNNEX.
Cómpre sinalar que este programa vai dirixido a persoas con identidade de xénero feminina residentes en España que superen o segundo curso de bacharelato ou dun ciclo formativo de grao superior durante este ano académico e desexen cursar un grao universitario do eido tecnolóxico; e contará coa colaboración da UDC xunto a outras 6 institucións académicas de titularidade pública en España: Universidade de Castela-A Mancha, Universitat Jaume I (Castellón), Universidade de León, Universidade Pablo de Olavide (Sevilla), Universitat Politècnica de València e Universidade de Zaragoza.
O prazo de inscricións comezou o 15 de maio e permanecerá activo ata o 15 de xuño ás 14 horas (hora peninsular española), a través da web de Nunsys.
“Coas Bolsas Sof.ia queremos contribuír á redución da fenda de xénero, acompañando ás futuras profesionais no seu desenvolvemento académico e laboral”, explicou Gabriel Barreiro, delegado en Galicia de Nunsys Group, no acto de sinatura do convenio de colaboración entre ambas as entidades. Desde a UDC salientaron o valor das alianzas universidade-empresa: “iniciativas como esta contribúen a atraer, xerar oportunidades e consolidar o talento feminino en titulacións STEM estratéxicas para o futuro da nosa sociedade”, sinalou Ricardo Cao, reitor da Universidade da Coruña.
Indo á cobertura destas Bolsas Sof.ia, sinalar que a súa adxudicación estará baseada en maior medida en criterios de excelencia académica detallados nas bases reguladoras e sufragará os custos de matrícula, ou importe equivalente en caso de gratuidade, de dous cursos académicos completos nunha titulación da Universidade da Coruña (a elixir polas beneficiarias) entre os Graos en Enxeñaría Informática, Ciencia e Enxeñaría de Datos; Enxeñaría Industrial; Enxeñaría de Tecnoloxías Industriais; Electrónica Industrial e Automática, Deseño Industrial e Desenvolvemento de Produtos, Enxeñaría Eléctrica; e Enxeñaría Mecánica e Intelixencia Artificial, que se inclúen no abano dos 17 graos científico-tecnolóxicos amparados polo programa. A renovación para o segundo ano requirirá que as bolseiras superen satisfactoriamente o 75% dos créditos do primeiro curso.
Alén do apoio económico, o programa achega un completo itinerario de acompañamento personalizado, que inclúe mentoría con empregadas do ámbito tecnolóxico de Nunsys Group e acceso a prácticas formativas remuneradas tras a superación do primeiro ciclo académico nalgunha das delegacións de Nunsys Group, facilitando a transición entre a contorna académica e o mercado laboral.
