A USC presenta un glosario trilingüe para facilitar aos estudantes a formación TIC en galego

venres, 15 de marzo do 2013 Fernando Sarasketa

Poñernos as cousas máis doadas aos que traballamos con material relacionado coas novas tecnoloxías da información (e todo o que isto implica en materia de hardware e software) e que queremos facelo en galego, divulgando unha cousa (as TIC) e máis a outra (a lingua). Este é o alicerce do glosario trilingüe de termos sobre arquitectura de computadores que vén de presentar a Universidade de Santiago no edificio CiTIUS, onde se fixo fincapé nalgúns dos puntos fortes desta nova publicación: como por exemplo o feito de que acubille 700 termos sobre a devandita temática, o que significa máis de 2.000 entradas. A presentación veu a cargo dos seus autores, o profesor do Departamento de Electrónica e Computación Elisardo Antelo Suárez e o técnico do Servizo de Normalización Lingüística da USC (SNL) Xusto Rodríguez Río.
O seu obxectivo foi o de achegar “un material de referencia que facilite o emprego do galego nas actividades de ensino e aprendizaxe, pero tamén nas divulgativas e aínda nas investigadoras, ao tempo que pode ser útil para facilitar a comprensión da bibliografía técnica –escrita sobre todo en inglés– que a comunidade de estudantes debe manexar durante a súa formación”.
O glosario non será, nin moito menos, un círculo pechado. Máis ben será unha liña recta cara ao futuro en permanente desenvolvemento. O tema a tratar, un universo tan cambiante e mudábel coma o das TIC, así o impón. En base a isto, o glosario estará suxeito a constantes actualizacións e só se edita en soporte electrónico e en dous formatos: o convencional .pdf e no estándar TBX (TermBase eXchange) para facilitar, este último, “o intercambio e a reutilización desta información noutros produtos terminolóxicos”. Os termos, engaden os autores, integraranse na base de datos bUSCatermos para ofrecer a consulta simultánea de toda a terminoloxía elaborada pólo Servizo de Normalización Lingüística. No acto para dar a coñecer o glosario promovido polo SNL e a Comisión de Normalización Lingüística da Escola Técnica Superior de Enxeñería (ETSE) participaron tamén o director do CiTIUS, Paulo Félix; o director do Departamento de Electrónica e Computación, Francisco Fernández; o director do SNL, Manuel Núñez; e o subdirector da ETSE, Francisco Omil.

PUBLICIDADE