A UVigo celebra o 8M reivindicando o papel da muller na robótica e na industria intelixente

martes, 8 de marzo do 2022 Anxo Sesto

Mar Masuli, Pepa Sedó, Carolina López ou María Benítez, son algunhas das mulleres que traballan ou estudan no sector da automoción e da robótica, e que este luns 7, véspera da celebración do Día Internacional da Muller, foron as protagonistas da terceira edición das Xornadas técnicas AER-UVigo. Unha actividade que nesta ocasión puxo énfase en proxectar o papel das mulleres en sectores nos que a presenza feminina segue a ser minoritaria.
A vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, recalcou que todas as mulleres son pionerias e verdadeiros exemplos a seguir. Xunto a ela tamén participaron outras personalidades como, Alex Salvador, xerente da Asociación Española de Robótica e Automatización (AER); Salvador Giró, presidente de AER Automoción, e Abel Caballero, alcalde de Vigo. Todos eles destacaron a importancia de que as mulleres se sumen a carreiras STEM xa que se trata de sectores que nun futuro as ofertas de traballo non van deixar de medrar.
A mesa redonda, que se celebrou de xeito virtual, contou coa participación de Ainoa Castro e Noemí Rabasco, estudantes de Electrónica Industrial e Automática, e Automatización e Robótica Industrial na UVigo, respectivamente. Tamén participaron mulleres directivas de diferentes empresas asociadas a AER Automation. Por outra banda, Antía Fernández, directiva do Centro Tecnolóxico Gradiant, encargouse de exercer como moderadora. Estas, puxeron en común experiencias, relataron os seus procesos de formación, comentaron como o eido laboral está fortemente masculinizado e tamén concretaron que “hai ofertas laborais nas que de cada trinta currículos, só un é de muller”.
Todas elas son enxeñeiras ou xornalistas que dende sempre, as súas traxectorias estiveron ligadas ao mundo da industria 4.0 e da Intelixencia Artificial, sectores que como elas destacan, son presente e futuro na inmensa maioría de actividades industriais.

PUBLICIDADE