A UVigo e o MUVI achegan un obradoiro para tirar proveito educativo dos videoxogos

xoves, 30 de setembro do 2021 S. P.

A Universidade de Vigo está a contribuír estes días á investigación e á divulgación en materia de videoxogos (que engadir ás xornadas do Seminario Internacional Mulleres e Videoxogos impulsadas pola UDC) cun obradoiro titulado Gañando o futuro e coordinado no Campus de Pontevedra polos responsábeis da Fundación Museo do Videoxogo de Galicia (MUVI), no que buscan afondar no potencial destes produtos como unha ferramenta educativa con múltiples aplicacións.
“Un dos obxectivos principais do curso é salientar a importancia de anticiparnos a ese futuro, asumindo que o videoxogo é un medio cunha amplísima penetración social e que, se empezamos a coñecer este medio, poderemos dar oportunidades aos rapaces para que se acheguen a eles dunha forma correcta, desde o bo uso e as boas prácticas”, salienta Galo Martínez, presidente desta fundación e un dos responsábeis dunha actividade impulsada pola Vicerreitoría do Campus e a Concellaría de Promoción Económica e Universidade.
Proporcionar a docentes e futuros docentes unha serie de recursos que lles permitan facer uso dos videoxogos como unha ferramenta educativa constitúe nese senso un dos obxectivos centrais deste obradoiro, que se desenvolve na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e que se insire tamén nun proxecto e nunha serie de obradoiros que esta fundación impulsa baixo o nome de Gañando o futuro. Galo e Jacobo Martínez, impulsores do primeiro museo dedicado ao videoxogo creado en España, e os tamén membros da directiva desta fundación, a profesora da Universidade da Coruña Luz Castro e Carlos Pereiro, editor da revista sobre videxogos Morcego, protagonizaron as primeiras sesións dun curso que combina a presentación de recursos e exemplos prácticos cun coloquio dirixido a xerar un debate na aula.
“Unha das bazas máis importantes dos videoxogos son os contidos, que son sumamente diversos e se poden utilizar desde para aprender historia ata para aproximarnos ao colectivo LGTBI co último xogo de The last of us”, sinala Martínez. Así, un dos propósitos deste curso é amosar como poden utilizarse tanto para “aprender xogando”, como para motivar ao alumnado. “Os profesores sempre intentan conectar cos intereses do alumnado e, pola heteroxeneidade de disciplinas que se precisan para facer un videoxogo, estes poden servir como nexo de unión”, engade. Nese senso, achegar unha serie de exemplos do seu uso nas aulas será o obxecto da sesión que a vindeira semana impartirán o docente da Facultade de Educación e Traballo Social do Campus de Ourense Millán Brea, presidente da Asociación Galega de Deportes Electrónicos, e o profesor de secundaria Rubén Cabrerizo.

PUBLICIDADE