A Wikipedia informará sobre a obxectividade dos seus artigos cun sistema de cores

martes, 1 de setembro do 2009 Fernando Sarasketa

Os responsables da Wikipedia quérenlle saír ao paso de xeito firme ás acusacións que se veñen vertendo nos últimos tempos sobre o que tería que ser, sobre o papel e na práctica, un valor fóra de toda dúbida: a súa fiabilidade. Con este obxectivo de minimizar as posibilidades de que os autores fagan contribucións interesadas ou escasamente documentadas, a enciclopedia en liña botará man de recursos que a priori pouco teñen que ver con ela e moito coas prácticas de compravenda en Internet. Dito doutro xeito: vai poñer en xogo un sistema para verificar a fiabilidade dos textos semellante ao que se poden usar en servizos como eBay para saber máis ou menos se quen che vende algo é unha persoa cumpridora. Segundo se conta na Rede, a cousa vai ser máis doada do que parece: os lectores só teremos que atender ás diferentes cores do fondo do texto presentado para saber ata que punto podemos confiar na obxectividade da persoa responsable do texto.
A Wikipedia, que ten xa 12 millóns de páxinas distribuídas en 260 versións, quere con esta medida poñer un pouco de control na maré de contribucións. Por certo que a medida en cuestión ten nome propio: chámase WikiTrust, e trátase dun aplicativo desenvolvido polo Wiki Lab da Universidade de California. O programa funciona do seguinte xeito: canto máis longa e positivamente probada sexa a andaina do internauta-autor coa Wikipedia, máis irán ligados os seus artigos a cores fiables. Isto conséguese medindo a cantidade de veces que os seus artigos foron retocados. Loxicamente, canto menos se retoque, máis estaremos en disposición de consideralo ben feito. Polo que respecta ás cores que máis contan, dicir que a máis baixa a nivel de veracidade será a laranxa. Canto máis claro e próximo ao branco, máis nos poderemos fiar do que se nos conta no texto.
O servizo, que se espera comece a funcionar este outono, arrancará operando nos artigos que máis erros adoitan a presentar: os artigos de persoeiros vivos.