A Xornada Mulleres na Ciencia abordará o impacto da robótica

venres, 14 de abril do 2023 S. P.

Moza investigadora en robótica nunha imaxe de Santi Alvite

A robótica será un dos temas clave da oitava edición da Xornada Mulleres na Ciencia, que se celebran dende 2015 co obxectivo de “abordar cuestións de interese e actualidade na investigación” e co foco posto en rematar coa fenda de xénero no eido académico e investigador. Este ano elixiuse a robótica por ser un tema de ““plena actualidade e con notábel impacto interdisciplinar e social”. As xornadas son organizadas pola Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas de Galicia (AMIT-GAL e a Oficina de Igualdade de Xénero da USC (OIX), coa cooperación da Facultade de Ciencias da Comunicación, que será a sede da xornada. A inscrición pode formalizarse a través dun formulario electrónico (ata o 18 de abril ás 15.00 horas).
Da man de Sonia Valladades e María J. Iniesto, docentes do grao de Robótica da USC, a xornada do vindeiro 21 de abril desenvolverase ao redor da conferencia e posterior debate sobre o tema Científicas e tecnólogas no sector agroforestal: retos e solucións no ámbito da robótica. A xornada comezará ás 16.00 horas na Facultade de Ciencias da Comunicación cun acto que presentará a delegada do reitor para a Igualdade e coordinadora da OIX, Marta Pérez Pereiro; a decana do centro, Ana Isabel Rodríguez Vázquez; e a presidenta de AMIT-GAL, María Carreiro.
Con este enfoque preténdese abordar o debate e análise arredor deste eido incidindo na mirada de xénero e tamén na do sector agroforestal, moi ligado ao territorio en Galicia. Como explican as promotoras desta sesión, o desenvolvemento da robótica seguramente “mudará os modos de produción industrial, introducirá novas ferramentas na investigación e, consecuentemente, afectará ao desenvolvemento da vida cotiá, e por suposto ao traballos doméstico e de coidados”.

PUBLICIDADE