A cámara Panasonic LUMIX DMC-FZ70 sorprende cun zoom de 60x

xoves, 18 de xullo do 2013 Marcus Fernández

A FZ70 integra un impresionante zoom de 60x

Dentro da súa categoría de cámaras dixitais con obxectivo fixo Panasonic estrea un modelo realmente rechamante, a LUMIX DMC-FZ70, que a día de hoxe sería a cámara na súa categoría co maior zoom, que pode chegar ata os 60 aumentos, o que agradecerán os que gusten de rexistrar escenas a distancia, que tamén poderán tirar proveito da tecnoloxía de estabilización de imaxe integrada (para evitar as imaxes borrosas). A súa lente ten unha boa apertura para poder tomar fotografías e gravar vídeos con nitidez incluso en condicións con pouca luz, pode gravar vídeo en alta definición a 60i (valéndose da tecnoloxía de enfoque automático), e incluso conta cun sistema de micrófonos que facilita a eliminación do ruído de ambiente e do vento, conseguindo a claridade do Dolby Digital.
A FZ70 está equipada cun sensor de 16,1 Mpíxeles, ten unha pantalla TFT de 3 polgadas cun amplo ángulo de visión, integra flash, mide 130,2 x 118,2 x 97 milímetros e pesa 562 gramos (sen batería nin tarxeta de memoria). Un dispositivo bastante portátil, que permite disparar grandes fotografías sen ter que cargar cun xogo de obxectivos intercambiables, e que incluso incorpora numerosos controis e filtros creativos para poder crear imaxes artísticas sen a necesidade de editalas cun ordenador. Tamén pode disparar ata 9 imaxes por segundo a refoladas (reducindo tal frecuencia ata 2 imaxes por segundo de empregar ao máximo a tecnoloxía de enfoque automático) para non perder nunca un momento especial (prestación moi interesante para fotografía deportiva ou de natureza).
O seu lanzamento está previsto para o mes de setembro nos EE.UU. a un prezo de 400 dólares (304,65 euros).

A nova LUMIX ten un sensor de 16,1 Mpíxeles

PUBLICIDADE