A cámara TV-IP422 controla a oficina dende calquera recanto do mundo

mércores, 18 de xuño do 2008 Fernando Sarasketa

Coas redes da información e algúns dos recursos vinculados a elas, todos aqueles e aquelas aos que non se lles escapa unha están de noraboa. E tamén os que devecen por estar ao tanto de todo o que acontece na casa ou na empresa cando están lonxe. En certa maneira, aparellos tecnolóxicos como o que vén de presentar Trendnet traballan neste senso. Falamos da cámara IP TV-IP422, un trebello dirixido a achegar seguridade na oficina e no ámbito doméstico e que lles permite aos seus usuarios ter un dos espazos devanditos (ou os dous ao mesmo tempo) vixiados polo miúdo e dende calquera recanto do mundo.
A cámara, entre outras funcións, é quen de gravar vídeos de alta calidade a tempo real no computador do usuario, permitindo programar ese rexistro en horas sinaladas previamente. As súas características fana especialmente indicada para cuestións de seguridade e de control exhaustivo.
De feito, permítenos ver, escoitar e falar coas persoas que estean dentro do eido de visión dende calquera lugar no que nos atopemos, incluíndo (asemade) sensores de movemento e notificacións con imaxes ou vídeos vía cámara IP e a un correo electrónico ou a un FTP.
O trebello conta ademais con amplas posibilidades de movemento, co fin de que non lle quede nada por rastrexar. Este movemento é programable e abrangue un ángulo de 330 grados no eixe horizontal e 105 no vertical. Asemade, e para quen pense que de noite ou a escuras a operatividade da cámara descende, dicir que incorpora lentes infravermellas que a posibilitan para ver en calquera condición lumínica nun radio de até cinco metros.
A cámara está dispoñible no mercado español cun prezo de venda duns 300 euros, estando tamén nas tendas un modelo que inclúe tecnoloxía sen fíos por 350 euros.

PUBLICIDADE