A cámara compacta Leica C-Lux integra un zoom óptico de 15x

luns, 18 de xuño do 2018 Marcus Fernández

Para os consumidores que aínda son partidarios das cámaras compactas e que gustan da utilización do zoom para conseguir achegarse ao detalles a certa distancia temos cada vez máis opcións, sorprendendo que tamén entrase na xogada unha marca como Leica, que vén de anunciar a súa nova cámara C-Lux, que chegará ao mercado nunha discreta core escura con toques azuis e tamén cunha versión en dourado, custando algo máis de mil euros cando saia á venda a mediados de xullo.
Esta cámara compacta integra un sensor de 1 polgada de 20 Mpíxeles capaz de disparar até 10 instantáneas por segundo, integra un zoom óptico de 15x, pode manexarse comodamente a través da súa pantalla táctil traseira de 3 polgadas (incluíndo tamén un visor de 2,33 Mpíxeles), grava vídeo en 4K e tamén integra conectividade Wi-Fi N e Bluetooth 4.2, de xeito que ten facilidades para compartir as imaxes que disparemos a través do noso smartphone.
Esta cámara mide 113 x 67 x 46 milímetros e pesa 340 gramos, e para quen non prefira prescindir da marca Leica e ter un prezo máis axustado, no mercado xa está actualmente a Panasonic Lumix ZS200, que é o modelo no que se basea a C-Lux, e supón un aforro de máis do 20%.

PUBLICIDADE