A cámara de vixilancia Hive View pode separarse da súa base para usos puntuais

xoves, 4 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

A compañía de dispositivos domésticos conectados Hive está a estrear unha cámara para interiores, a Hive View, que destaca polo seu elegante deseño, e que ofrece vídeo en directo en Full HD cun ángulo de visión moi amplo (130 graos), visión nocturna e detección de persoas. Como curiosidade, a cámara con forma de cubo (de 56 milímetros por aresta) está conectada ao seu soporte de xeito magnético, o que facilita a súa separación, para poder funcionar de xeito separado durante uns 90 minutos grazas á súa batería interna de 2.100 mAh, polo que pode servir para usos temporais.
Esta cámara, á venda de xeito individual por 199 euros e por 339 euros en parella, está dispoñible en dúas combinacións de cores (negro e cobre ou branco e ouro) e pode asociarse a un servizo que por 4,99 euros/mes permite gardar un historial das cámaras dos últimos 30 días.
A Hive View pode xestionarse dende o móbil, podendo así acceder ao sinal de vídeo en directo ou á gravación das últimas 24 horas, sendo o sistema capaz de discriminar entre persoas e mascotas e permitindo tamén configurar horarios nos que desexemos que a cámara non rexistre vídeo para unha maior intimidade.

Vídeo de presentación da cámara Hive View

PUBLICIDADE