A cámara traseira dual do LG G6 permitirá gozar dun angular de até 125 graos

luns, 20 de febreiro do 2017 Marcus Fernández

Nos últimos días LG está a adiantar algúns detalles dos produtos que presentará no Mobile World Congress de Barcelona, e un dos que resultou máis rechamante é relativo ao LG G6, smartphone do que xa non só insisten en que terá unha pantalla de grande tamaño e reducidos marcos, senón que tamén destacará polas súas cámaras.
Na parte traseira o LG G6 contará con cámara dual de 13 Mpíxeles, unha cun obxectivo estándar e outra cun grande angular de 125 graos; pero non limitará o grande angular á cámara traseira, senón que na parte frontal a cámara tamén terá un ángulo bastante amplo (100 graos).
A nivel de software o LG G6 tamén incluirá numerosas funcións orientadas á fotografía, como a posibilidade de disparar fotografías cadradas para publicar en Instagram, poder tomar imaxes panorámicas, contar con filtros para selfies e incluso ter un xerador de imaxes GIF animadas. Amais, a relación de aspecto 18:9 da pantalla aproveitarase para que o usuario poida ver as fotografías recentes mentres está a disparar instantáneas (aproveitando así o espazo dispoñible en pantalla).

JPEG - 131.8 KB
O LG G6 quere chamar a atención no MWC coa súa pantalla e a súa cámara

PUBLICIDADE