A chinesa Doov sube ao carro dos móbiles con cámara xiratoria

mércores, 26 de novembro do 2014 Marcus Fernández

A orixinal proposta do Oppo N1 dunha cámara xiratoria que permita que poidamos facer autorretratos co móbil coa mesma calidade que unha fotografía ordinaria está a facer escola, e agora coia a idea dun xeito un chisco diferente o Doov Nike V1, que incorpora unha bisagra na súa cámara traseira que permite abatela 190 graos, de xeito que serve para tomar auto-fotos, tirando así proveito do seu sensor Sony de 13 Mpíxeles, a súa apertura de F/2.0 e o seu estabilizador óptico de imaxe. A peza abatible na que está albergada a cámara incluso conta con flash de dobre ton para conseguir a temperatura de cor máis axeitada. O sensor da cámara está protexido por unha lente de zafiro, que ofrece unha grande resistencia aos golpes, á vez que tamén ten un elevado índice de refracción.
Este novo smartphone LTE funciona cun procesador MediaTek MT6732 de catro núcleos a 1,5 GHz, 2 Gb de RAM, 16/32 Gb de almacenamento interno, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, batería de 2.480 mAh, e Android 4.4.4, ten unha pantalla IPS de alta definición (1.280 x 720 píxeles) de 5 polgadas, un grosor de 8,3 milímetros e un prezo de 1999 iuans (260 euros) para o seu modelo básico.

A chinesa Doov apúntase ao concepto das cámaras xiratorias

PUBLICIDADE