A cifra de peticións de axudas para a compra de computadores en Pontevedra chegou ao milleiro

venres, 7 de maio do 2021 S. P.

A falta de algo máis dunha semana para o peche do prazo de presentación de peticións, os traballadores da oficina especial do Plan Supera 21 do Concello de Pontevedra recibiron xa case 1.000 solicitudes para acceder á liña de subvencións para a adquisición de equipos informáticos.
Trátase dunha resposta masiva a unha iniciativa tecnolóxico-solidaria que tivo o obxectivo de loitar en Pontevedra contra a fenda tecnolóxica, agravada polo inicio da pandemia (cando se fixo máis que necesario ca nunca comunicarnos, informarnos, educarnos e mesmo traballar a través da Rede).
O aluvión de solicitudes, en opinión do tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, “pon de manifesto a esencial importancia dunhas axudas que teñen o obxectivo de garantir que non haxa ningún neno sen ordenador na aula e acabar coa fenda tecnolóxica, nun momento no que isto resulta máis crucial que nunca para asegurar a igualdade de oportunidades no acceso á educación”.
Así o manifestou tras unha visita ás oficinas situadas na rúa Dona Tareixa, na que agradeceu aos traballadores do Concello de Pontevedra “o esforzo extra que están a realizar para tramitar esta avalancha de solicitudes de subvención”. E engadiu: “Segundo me transmitiron os funcionarios, a acollida desta liña de axudas é tal que mesmo nais e pais de crianzas empadroadas noutros concellos chegaron a consultar sobre a posibilidade de acceder ás mesmas, algo que non é posíbel xa que están destinadas exclusivamente ao alumnado empadroado no concello de Pontevedra e matriculado no curso 2020-2021 en estudos de Educación Primaria, Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional Básica, Formación Profesional de Grao Medio ou Educación Especial nos centro públicos ou concertados”.
Tal e como apuntou o edil do PSOE, o Goberno Local destinou unha achega inicial de 400.000 euros á cobertura desta liña do Plan Super 21, o que se traducirá en axudas dun máximo de 400 euros por cada menor de idade e de 2.000 euros por unidade familiar, aínda que dado o seu papel “clave neste contexto”, poderíase ampliar esta cantidade no caso de que sexa necesario.

PUBLICIDADE