A conferencia CONECOM buscará solucións para rematar co retraso galego en cuestión de e-commerce

martes, 10 de abril do 2012 Fernando Sarasketa

O equipo de DobleClic, organizadora de CONECOM, na mesa de traballo

CONECOM, a Conferencia de Comercio Electrónico, vai situar á nosa terra, os vindeiros días, no punto central da reflexión arredor das moitas vantaxes de algo tan sinxelo como facer nas redes o que comunmente viñemos facendo fóra dela. Falamos de vender, promovernos, distribuír, xestionar ou comunicarnos cos nosos clientes ou cos nosos socios; e todo coa axuda das redes sociais e de cousas como a computación na nube. A xuntanza, que se celebra en Santiago o día 19, no Pazo de Congresos, vén da man de DobleClic, sendo un dos seus obxectivos principais instruír aos emprendedores e aos pequenos e medianos empresarios nas máis innovadoras metodoloxías de mercado dixital. En Código Cero, co fin de recadar máis información sobre as liñas a seguir e os potenciais beneficiarios deste evento (case con toda probabilidade o primeiro do país que se centra especificamente no e-commerce), falamos con Xosé Rivera, director creativo de DobleClic.
Segundo nos conta, na nosa terra hai un atraso con respecto ao uso das ferramentas de comercio electrónico, e xa vai sendo hora de rematar con isto.

-Por que unha actividade específica sobre comercio electrónico? Que lle vedes de importancia a esta cuestión que xustifique que conte cun evento galego propio de seu?
-CONECOM é a resposta a o atraso que sofre o comercio galego na implantación do e-commerce, a nosa intención con esta iniciativa e darlles ás pequenas e medianas empresas e á xente en xeral algunha idea de negocio, unha visión obxectiva do comercio en liña que lles axude a tomar unha decisión e que esta sexa a máis axeitada para o éxito dos seus proxectos. Por outra parte, tamén queremos axudar a crear mercado para as empresas vinculadas ao e-commerce como tódalas empresas galegas e nós mesmos.

-É certo que se trata da primeira actividade sobre e-commerce que se celebra na nosa terra e dende a nosa terra? Por que non se abordou antes?
-Así é, existen varias feiras en España, principalmente en Madrid e Barcelona orientadas a empresas que xa están no mercado do comercio en liña. Nós achegamos a información aos pequenos e medianos emprendedores, comezando dende cero; non queremos converter á nosa audiencia nunha experta en e-commerce, só mostrarlle e facerlle comprender as ferramentas para potenciar e mellorar os negocios de xeito que se poidan tomar as mellores decisións.
Abordámolo agora porque estamos no momento de máximo desenvolvemento do sector e porque Galicia non se pode permitir non ser competitiva e non aproveitar o gran potencial do que dispoñemos con todo o que podemos producir e distribuír.

-Que credes que pode achegar CONECOM ao panorama de encontros tecnolóxicos? Cal será a nota diferencial que porá en xogo?
-Sen dúbida, ademais de ser unha serie de exposicións formativas queremos que sexa un punto de encontro para emprendedores, provedores de servizos e investidores. Ano a ano crearemos unha axenda máis ambiciosa e manteremos a todos os que o desexen informados sobre a temática en www.conecom.es e nas redes sociais, para facer aínda máis competitivas a tódalas empresas que teñan a inquietude de medrar.

-Faredes especial fincapé na potencialidade do comercio electrónico para algún sector específico ou queredes abranguer a totalidade do noso tecido produtivo?

-Galicia ten a gran virtude de contar cunha cultura, lingua, historia propias, así como un sector produtivo particular e exclusivo o que nos dota de un potencial único, sen competencias, para distribuír os nosos produtos e servizos en todo o mundo, simplemente debemos saber vendelos, traballar neste senso. CONECOM amosará as ferramentas, a continuación calquera pode aplicalas no sector que o crea axeitado. As ideas de negocio de meirande éxito sempre parecen temerarias na primeira ollada, afortunadamente o e-commerce non require de moito investimento :)

-Que pratos fortes nos tendes preparados? Cales son as actividades do programa ás que considerades que hai que acudir por forza, deixando para outro intre calquera outro compromiso que teñamos na axenda?
-Todos os relatorios son interesantes e indispensables; desenvolveranas representantes das mellores empresas galegas do sector e faranse de maneira dinámica, con participación e análise dun xeito ameno e directo. As persoas que nos visiten non perderán unha mañá de traballo senón que gañarán a formación que lles abrirá as portas a un mercado mundial cos coñecementos para desenvolver calquera idea con potencial.

-A quen se dirixe principalmente CONECOM?
-A calquera persoa ou PEME que queira vender en liña ou coñecer o seu funcionamento e como mellorar os seus resultados, a súa rendibilidade.

-Quen organiza exactamente esta actividade e con que apoios se contan?
-O certo e que eu mesmo, Xosé Rivera ( www.dobleclic.com), comentei hai meses con colegas do sector (Simplifica, A Navalla Suíza, Abertal, Pululart etc ) o escepticismo que existía á hora de investir en e-commerce, o medo ao descoñecido e a oportunidade que Galicia estaba a perder. Polo cal, decidín propoñerllo as institucións, e a resposta da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago e a Cámara de Comercio foi totalmente positiva, prestándonos o apoio que considerabamos necesario para esta iniciativa de desenvolvemento de Galicia. Agora a nosa obriga e devolvelo co noso traballo e cumprindo coas expectativas.

PUBLICIDADE