A consola portátil nVIDIA SHIELD sairá á venda a semana que vén

luns, 22 de xullo do 2013 Marcus Fernández

A primeiros de ano nVIDIA anunciou durante o CES de Las Vegas o seu Project SHIELD que consiste nunha consola de videoxogos portátil baseada en Android que tanto permite xogar a títulos móbiles como empregar o PC de xeito remoto con xogos compatibles para permitir gozar de grandes xogos cando esteamos afastados do ordenador. Aínda que estaba previsto o lanzamento deste produto o mes pasado e inicialmente pensábase que ía venderse por 349 dólares, finalmente sairá á venda o vindeiro día 31 por 299 dólares, podendo xa encargarse dende EE.UU. e Canadá.
A nVIDIA SHIELD presume de ser un sistema de xogo portátil de grande potencia que poderá adquirirse tanto a través da Internet como en tendas de cadeas como GameStop, Microcenter e Canada Computers, aínda que resulta bastante difícil predicir se existirá demanda para un produto semellante, especialmente tras ver a mala resposta comercial que tivo a PS Vita e se temos en conta que actualmente hai tablets de fabricación chinesa e controis físicos que poden adquirirse por menos da metade do prezo do novo produto de nVIDIA.
A nVIDIA SHIELD funciona cun procesador nVIDIA Tegra 4, unha pantalla táctil de alta definición (720p) de 5 polgadas, integra mandos físicos e altofalantes, conéctase a redes Wi-Fi N a grande velocidade (2x2 MIMO), ten Bluetooth 3.0 e GPS, 16 Gb de almacenamento interno, unhas dimensións de 158 x 135 x 57 milímetros e un peso de 579 gramos. Polo momento non se sabe cando comezará a venderse no noso lado do Atlántico.

PUBLICIDADE