A feira científica Galiciencia celebrarase a partir do 26 de maio
martes, 25 de maio do 2021
A
feira científica Galiciencia celebrarase durante os vindeiros tres
días: 26, 27 e 28 de maio. Esta iniciativa está promovida polo
Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole)
desde 2006 e busca espertar as vocacións científicas entre o
alumnado de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato. Ademais, a feira
conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de
Innovación (GAIN)
e coa Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT).
O
lema desta 16 º edición, A
innovación Pos-COVID a través da revolución do talento,
xa deixa entrever que a feira será online
debido á actual situación sanitaria. Así, nesta edición
participarán un total de 7.588 rapaces, dos que 7.302 serán galegos
e o resto de fóra. Isto supón un récord de participación con
respecto aos anos anteriores. Concretamente, a provincia de
Pontevedra terá 3.171 participantes, mentres que na da Coruña
haberá 2.044, na de Ourense 1.338 e na de Lugo 749. Doutra banda, os
participantes que non son da comunidade, proveñen de Baleares e
Biscaia.
O
primeiro evento co que arrancará Galiciencia será “O mundo e as
pandemias”, un espectáculo de ciencia, que durará unha hora, ata
as 11: 30 horas. Neste acto proporase unha experiencia dinámica e
interactiva dirixida a estudantes de Secundaria. Por outra parte,
realizarase unha aproximación á historia das grandes pandemias, as
súas orixes e o efecto sobre a humanidade, ademais de incidir na
importancia da ciencia e a tecnoloxía para lograr unha solución á
actual pandemia da COVID-19.
Para
os interesados nos concursos, cómpre mencionar que, nesta edición,
os proxectos poderán visualizarse na páxina web
www.galiciencia.online.
Deste modo, os participantes poderán optar a un primeiro premio,
dotado con 1.000 euros, para financiar a súa participación na maior
feira científica a nivel estatal, Exporecerca; un segundo premio de
500 €, que permitirá asistir á Zientzia Azoka, a feira de ciencia
que ten lugar cada ano en Bilbao; ou un terceiro premio, dotado con
200 €, para poder participar no programa de actividades organizadas
polos Museos Científicos Coruñeses con motivo da Semana da Ciencia.
A maiores, haberá un premio para o mellor proxecto liderado por unha
rapaza ou cuxa temática estea relacionada con iniciativas que
contribúan á igualdade de xénero na contorna da I+D+I. Premiarase
tamén o proxecto coa mellor comunicación e presentación oral, o
proxecto máis innovador e o proxecto coa mellor valoración popular.
En canto aos gañadores do concurso de fotografía, estes poderán
contactar a través de Instagram.